Éxito de participación nas xornadas formativas sobre Tambo dirixidas a guías turísticas

Poio
24 de xuño 2022

A iniciativa, impulsada pola Concellería de Turismo, busca formar a profesionais do sector sobre o potencial e os recursos patrimoniais, paisaxísticos e medioambientais da illa, co obxectivo de consolidar este enclave como reclamo de referencia para visitantes

Xornadas formativas sobre Tambo dirixidas a guías turísticas
Xornadas formativas sobre Tambo dirixidas a guías turísticas / Concello de Poio

Un total de 15 guías turísticas, entre as que se atopaban representantes de preto de 10 empresas especializadas da contorna, así como varios autónomos e autónomas, participaron esta semana na primeira edición das Xornadas Os Recursos Turísticos de Tambo.

Tratouse dunha iniciativa impulsada pola Concellería de Turismo, en colaboración coa Irmandade Illa de Tambo, co obxectivo de dar a coñecer entre as persoas que traballan neste sector todos os recursos e atractivos cos que conta a illa situada en pleno corazón da ría de Pontevedra.

A tenente de alcalde e responsable deste departamento municipal, Silvia Díaz (Avante Poio), participou este xoves nunha visita guiada realizada ‘in situ’ a este emblemático enclave. Os profesionais inscritos nesta formación tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man emprazamentos e lugares de interese cos que conta Tambo, como son o faro de Tenlo, o antigo polvorín ou os restos do lazareto e da capela de San Miguel, entre outros. 

Previamente, o pasado mércores, as persoas inscritas tomaron parte nunha sesión técnica, na que se abordaron aspectos teóricos sobre a illa. Esta parte teórica desenvolveuse, tamén coa colaboración de integrantes da asociación, nunha das aulas do Centro de Formación da Reiboa, na Seca (San Xoán).

Díaz destaca a gran acollida que tiveron estas xornadas, como demostra o feito de que se inscribisen guías turísticas de concellos de diferentes puntos das Rías Baixas, como O Grove, Soutomaior, Vigo, Pontevedra ou Gondomar. "Estes e estas profesionais, polo labor que desempeñan, son unha canle de difusión moi importante, polo que é necesario que estean perfectamente familiarizadas cos recursos e atractivos de Tambo", apunta a responsable de Turismo, que, en vista do éxito da iniciativa, non descarta a organización de novas edicións.

 

Arquivado en