Éxito de participación na Carreira Infantil da Ostra

Soutomaior
14 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Uns 440 rapaces participaron nesta xornada na Carreira Infantil da Ostra celebrada no Peirao de Arcade. Unha cita que, por primeira vez, contou cunha carreira inclusiva, adaptada e que tamén visibilizou a súa parte máis solidaria coa presenza da Asociación Bicos de Papel

Carreira Infantil da Festa da Ostra
Carreira Infantil da Festa da Ostra /

Éxito de participación na Carreira Infantil da Ostra, que logo do cambio de data, debido ao mal tampo o 31 de marzo cando estaba prevista, celebrouse nesta xornada dominical coa participación de 440 atletas. 

Trátase dunha carreira pedestre que se realizou por categorías de idade, con percorridos adaptados e trazado na área recreativa do Peirao de Arcade. 

O obxectivo principal desta cita é a celebración da festa do pobo a través dunha proba deportiva valorando sobre todo a compoñente social e participativa, representada con premios a todos os participantes.

Todos os participantes recibiron o mesmo agasallo como recoñecemento o seu esforzo: unha medalla e unha mochila coa súa merenda e con material didáctico e información relativa á promoción de hábitos saudables.

Ademais, é a primeira edición na que se realiza unha carreira inclusiva, que responde á oportunidade de participación conxunta de persoas con e sen discapacidade, adaptándose ás posibilidades de cada quen. O percorrido realizouse co acompañamento de persoas familiares ou amigas e con persoas voluntarias. Unha iniciativa incluída dentro do programa "Soutomaior Inclusivo".

Os primeiros en arrancar esta carreira da Ostra foron os participantes da Carreira Inclusiva cun percorrido de 150 metros, a continuación foron os máis pequenos, os Biberón B, que correron unha distancia de 50 metros, seguidos dos Biberóns A, cunha distancia de 150 metros, Prebenxamíns 300 metros, Benxamíns 400 metros, Alevíns 500 metros e a categoría de Infantís, os últimos en saír, percorreron 600 metros.

Nesta edición tamén falamos dunha carreira solidaria, xa que se proporcionou a visibilidade e posibilidade de colaborar coa Asociación Bicos de papel (que desenvolve o seu traballo coas familias cuxos fillos foron ou están a ser tratados na Unidade de Oncoloxía Pediátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo) a través da colocación dun stand durante o desenvolvemento da carreira co obxectivo de recadar fondos coa participación voluntaria dos participantes e as súas familias.

Unha carreira organziada polo Concello de Soutomaior e na que colaboraron Abanca, Caixabank, Miler Vintage Running Club Pontevedra, a Rede Galega de Promoción da Saúde, Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.