Con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, este domingo centos de persoas reuníanse no Parque da Memoria de Poio, coa idea de participar na terceira edición da Andaina Camiño Violeta.
Esta iniciativa, que organiza a Asociación de Amgios da Pontevedrada (ASAMPO), ten como propósito demostrar o rexeitamento cidadán á violencia machista a través dun acto saudable, que nesta ocasión unía aos municipios de Poio e Pontevedra ao longo dun percorrido de 1,7 quilómetros.
O primeiro tramo establecíase a través da senda litoral da Ostreira pasando polo peirao de Campelo ata chegar á enseada de Lourido. Alí proxectábase unha peza audiovisual elaborada por estudantes do IES de Poio e o Consello Municipal dá Muller deste Concello. O acto finalizaba coa lectura do manifesto de rexeitamento á violencia contra as mulleres.
Nese punto, participantes do club de Piragüismo de Pontevedra recollían o báculo para trasladalo a Pontevedra. O báculo de madeira leva o nome pirogravado das mulleres asasinadas durante este 2023 como consecuencia da violencia de xénero.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acudiron á cita para saudar aos participantes e promover esta iniciativa na que colaboraron agrupacións como, entre outras, a Asociación Dragón Boat Galicia, a Federación Galega de piragüismo. e a Escola Piragüismo Ciudad de Pontevedra.
Representantes de diversas agrupacións políticas tamén asistían á invitación de ASAMPO, que na zona de Pontevedra, percorría o centro histórico finalizando na Praza de España onde se volvía ler o manifesto reivindicativo.