Como vén sendo habitual, a tarde noite de véspera da Peregrina ten unha das súas citas máis destacadas no Parque de Verán que o Liceo Casino, a sociedade civil máis veterana de Pontevedra, ten na Caeira. E este ano non ía ser unha excepción. Máis de 500 comensais na cea e preto de 6.000 persoas, no baile, segundo cálculos da organización (pendentes de reconto oficial), gozaron dunha velada marcada pola forte calor dunha noite estival e a habitual elegancia dos asistentes.
Así foi como os esmóquines e vestidos longos uníronse aos uniformes de gala para encher as mesas da cea e as distintas pistas de baile repartidas polo parque, con distintos ambientes para compracer a todos os públicos.
O evento arrincou ás 21:00 horas, hora na que comezaron a chegar socios e convidados con reserva de mesa para a cea, así como as distintas autoridades e personalidades, que foron recibidas polo presidente da Sociedade, Alejandro Regueiro, a quen acompañaba os membros da súa xunta directiva, que deron a benvida a Rafael Domínguez Artime, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez Estébanez, presidente da Audiencia Provincial, Pedro Cardona Suanzes, comandante-director da Escola Naval Militar, Simón Venzal Contreras, coronel da Garda Civil, así como personalidades destacadas do mundo da cultura local, como o xornalista Xabier Fortes López, entre outras.
Previo á cea, as 19 mozas que celebraban a súa posta de longo, foron felicitadas por presidente e xunta directiva, co tradicional brinde, para dar paso, ás 22:00 horas á cea, servida pola Brisa Atlántica, firma que se encargou tamén de todo o servizo de hostalería e restauración posterior ao longo de toda a velada
Ás 23:30 horas empezaron a chegar socios e invitados que acudían ao baile, que puideron presenciar en primeiro lugar o desfile das debutantes, que foron chamadas unha a unha para ocupar a pista de baile. Tras ser recibidas polo presidente do Liceo Casino, Alejandro Regueiro, cumprían o ritual de "presentarse en sociedade" da man dos seus padriños.
Foi o momento de abrir o baile, con debutantes e padriños bailando a ritmo de valls e ao son que tocaba a Orquestra Chattanooga, encargada da pista principal, mentres diferentes Dj's facían as delicias do público nas pistas, cada unha co seu estilo musical diferenciado, abarrotadas dun público desexoso de gozar ata o amencer.
Para facilitar a asistencia, o Liceo Casino dispuxo dun servizo de autobuses desde as 21:00 horas e ata a finalización do baile.