A segunda edición da Punkativada resultou un éxito de participación e acollida, con centos de persoas nas actividades da fin de semana en Arcade. Así o confirma o goberno local de Soutomaior, que sinala que "están máis que satisfeitos" co resultado.
Ademais, desde o goberno local xa confirman que esta cita co lecer e a diversión para toda a familia volverá na súa terceira edición na derradeira fin de semana de agosto de 2025.
A cita festiva pechou este domingo coas actuacións de Gramola Gominola e Peter Punk e Brais das Hortas, que conseguiron encher a Carballeira do Peirao de Arcade.
Pola mañá, a banda de Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos) sacou o lado máis punki de todas e todos os asistentes e fixo mover o esquelete das pequenas, pequenos e familias.
Pola tarde, chegou o fin de festa por todo o alto co espectáculo de Peterpunk e o neno imperdible protagonizado por Peter Punk e Brais das Hortas. Acrobacias, tensión, música en directo e moito humor fixeron que os asistentes a esta cita desfrutasen de este espectáculo de máis de hora e media.