Os excluídos de San Amaro

Pontevedra
24 de novembro 2024

No mes que máis visitas reciben os camposantos, comprobamos como ás persoas con problemas de mobilidade élles imposible acceder ao cemiterio municipal de Pontevedra

Paulo Fontán, presidente de Amizade, , acompañado da súa asistente, diante da porta principal do cemiterio de San Amaro
Paulo Fontán, presidente de Amizade, , acompañado da súa asistente, diante da porta principal do cemiterio de San Amaro / Mónica Patxot

O cemiterio municipal de San Amaro é un lugar de recordo para os que partiron. As sepulturas adoito reciben visitas, pero é neste mes de novembro cando a afluencia de persoas ao camposanto pontevedrés é especialmente numerosa.

Con todo, para moitas delas, especialmente as que presentan problemas de mobilidade, o acceso a este espazo é un verdadeiro desafío.

Neste contexto, acompañamos ao presidente da Asociación Amizade, a asociación de persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra, Paulo Fontán, na comprobación in situ das dificultades que atopan as persoas que se desprazan en cadeiras de rodas para acceder a San Amaro.

O cemiterio ten catro accesos: a entrada principal e tres laterais.

Pola entrada principal "non pode acceder a xente con mobilidade reducida, porque hai un pequeno primeiro chanzo e despois unha serie de chanzos importantes que teñen tecnicamente difícil solución, a non ser que sexa cunha plataforma salvaescaleiras", comenta Paulo Fontán tras facer unha primeira comprobación.

ENTRADAS ACCESIBLES... A MEDIAS

Deixando a impoñente fachada do cemiterio ás nosas costas, dirixímonos cara á esquerda pola Rúa Campo Santo, por un treito de beirarrúa e, a continuación, bordeando o muro, dobramos por un vial anexo a esta mesma rúa, que dá paso a unha costa pronunciada ata alcanzar un primeiro portalón.

Esta entrada permite o acceso con cadeira de rodas, pero o camiño ata alí non está exento de dificultades. A calzada carece de beirarrúas, o que compromete a seguridade dos usuarios.

Pero o maior reto atópase na pronunciada pendente da costa arriba e a deterioración do seu firme, inestable e cheo de fochancas. "Complica moito o acceso, é imposible chegar ata aquí en cadeira de rodas se non vas acompañado", manifestou Fontán.

Paulo Fontán no acceso ao cemiterio de San Amaro pola Rúa Campo Santo
Paulo Fontán no acceso ao cemiterio de San Amaro pola Rúa Campo SantoMónica Patxot

Unha vez dentro, advirte que o pavimento do cemiterio, ao ser de terra compactada, "está en mellor estado do que pensaba, pero habería que comprobalo un  día de choiva".

Encamiñámonos por este pavimento cara á esquerda por dentro do camposanto, a única dirección pola que pode rodar unha cadeira de rodas. Polas outras bandas hai unha escalinata, por diante da capela, e chanzos na conexión coa parte nova do recinto mortuorio.

Tras superar unha ringleira de sepulturas, a nosa marcha paralízase en seco ao chegar a unha rampla de cemento cunha pendente tan pronunciada que é imposible percorrela en cadeira de rodas.

Dúas ramplas con pronunciada pendente que imposibilitan o tránsito en cadeira de rodas polo cemiterio de San Amaro
Dúas ramplas con pronunciada pendente que imposibilitan o tránsito en cadeira de rodas polo cemiterio de San AmaroMónica Patxot

Ao final desta costa están os únicos aseos que posúe o camposanto e que se construíron en 1975, arrastrando dende entón carencias no espazo interior.

Aínda que non era o cometido desta visita, Fontán si destacou que estes servizos hixiénicos deberían ser adaptados e cumprir coas condicións de accesibilidade.

Baños non adaptados do cemiterio de San Amaro
Baños non adaptados do cemiterio de San AmaroMónica Patxot

Xa que os aseos actuais se sitúan moi preto da entrada principal, e dadas as dimensións do cemiterio (o punto máis alonxado destes baños atópase, sumada ida e volta, a 800 metros), o presidente de Amizade propón a posibilidade de que se habiliten uns segundos servizos noutra zona, que poderían ser unha estrutura sinxela e doada de instalar como un módulo do estilo dos baños móbiles adaptados.

Ante a imposibilidade de continuar, retrocedemos pola mesma ruta e saímos do cemiterio. Se avanzamos bordeando o muro de pedra uns 150 metros, chegariamos á terceira entrada, que dá paso ao "cemiterio novo", froito da última ampliación de nichos.

Ao igual que a segunda entrada, esta tamén é accesible. O problema é que chegar ata alí preséntase de novo imposible, pois unha pronunciadísima baixada en curva, onde conviven persoas e todo tipo de vehículos, provoca un serio risco para un usuario de cadeira de rodas.

Unha longa rampla polo vial sen beirarrúas da Rúa Campo Santo leva ata unha das entradas a San Amaro
Unha longa rampla polo vial sen beirarrúas da Rúa Campo Santo leva ata unha das entradas a San AmaroMónica Patxot

Regresamos á entrada principal e dende alí probamos co cuarto acceso: a porta do chamado "cemiterio civil". Para chegar, deixamos a fachada principal ás nosas costas e tomamos cara á dereita pola Rúa San Amaro. Bordeamos o muro ata que remata a beirarrúa e temos que dobrar por un vial da Rúa San Amaro, sen espazo para peóns e estreito.

Esta cuarta entrada presenta un chanzo pronunciado que complica o acceso. "Se ves acompañado si que poderías salvar este chanzo, pero entramos no de sempre: por que tes que vir obrigatoriamente acompañado?", lamenta Paulo Fontán.

A pesar de que se podería superar o obstáculo con axuda, xa introducidos no cemiterio só é posible transitar por un terreo de céspede totalmente impracticable para unha cadeira de rodas. Xa que logo, este cuarto acceso queda descartado.

Paulo Fontán na entrada ao "cemiterio civil" de San Amaro
Paulo Fontán na entrada ao "cemiterio civil" de San AmaroMónica Patxot

PROPOSTA DE SOLUCIÓN

Tras este testeo, o presidente da Asociación Amizade manifestou a súa preocupación pola falta de accesibilidade ao cemiterio de San Amaro.

Dado que chegar ás dúas entradas adaptadas supón un traxecto de 200 metros, sen posibilidade de achegarse en coche pola falta de aparcamentos adaptados, pasando por ramplas excesivamente pronunciadas e pavimento irregular, para Paulo Fontán a única solución pasa por permitir acceder ao camposanto con vehículos a persoas con mobilidade reducida.

"Se poden chegar os coches das funerarias, non habería gran problema para que poidan chegar as persoas con mobilidade reducida", apunta.

Acceso ao cemiterio de San Amaro pola Rúa Campo Santo
Acceso ao cemiterio de San Amaro pola Rúa Campo SantoMónica Patxot

"Só temos que confirmar se baixando pola zona onde está o baño todo é unha única plataforma e ver algúns detalles puntuais de se é posible chegar a outras zonas co coche". Para Fontán, esta opción sería a "máis fácil e non lle costaría un duro ao Concello, a verdade é que pensaba antes de vir que ía ser máis complicado".

Despois destas comprobacións, a asociación Amizade, que agrupa a un centenar de persoas con diferentes tipos de discapacidades, ten intención de presentar un escrito por Rexistro ao Concello de Pontevedra coas súas observacións e propostas de mellora para garantir un acceso digno ao cemiterio de San Amaro.

Así mesmo, Amizade fará unha xestión ante a Fiscalía provincial especializada en discapacidade antes de finais deste ano co obxectivo de solicitar orientación sobre como actuar en caso de que o Concello e outros organismos sigan sen dar resposta aos seus escritos, como desgraciadamente vén ocorrendo nos últimos anos, e para que este último sobre o cemiterio pontevedrés non caia en saco roto.

A DENUNCIA DUN LECTOR

Esta reportaxe iniciouse a partir da petición dun lector de PontevedraViva, quen quixo deixar constancia de que o problema de accesibilidade tamén afecta especialmente aos usuarios de maior idade, que son os que acoden habitualmente ao camposanto.

Na véspera de Todos os Santos, Enrique Ríos acompañaba á súa nai na visita ao recinto e mostraba a súa frustración. "O cemiterio está moi abandonado e, cando chove, os camiños de terra convértense en auténticos barrizais", comentaba Ríos.

Lamentaba que a escaseza de baños accesibles complique a visita, especialmente para persoas maiores ou con dificultades de mobilidade.

Enrique Ríos acompaña á súa nai na visita ao Cemiterio de San Amaro
Enrique Ríos acompaña á súa nai na visita ao Cemiterio de San AmaroMónica Patxot

A súa nai, octoxenaria e con problemas de saúde, ten grandes dificultades para desprazarse polo camposanto. "Miña nai apenas camiña e está obrigada a subir escaleiras para acceder aos lugares onde descansan os seus seres queridos. Non é razoable que unha persoa maior como ela, que se operou do corazón, teña que afrontar esta dificultade", sinalaba.

Ao igual que o presidente de Amizade, e sen ter contacto previo entre eles, este veciño de Pontevedra reclama que se permita, dun xeito regulado, a entrada de vehículos para facilitar que as persoas con problemas de mobilidade poidan achegarse a visitar aos seus no cemiterio.