Evoluciona "favorablemente" o incendio de Saiar, que se estende a Vilagarcía con 450 hectáreas afectadas

Umia
05 de agosto 2022
Actualizado: 17:39

A Unidade Militar de Emerxencias protexeu durante a madrugada deste venres as vivendas situadas nas proximidades do Vento, na estrada PO-305 preto de Vilagarcía. A Consellería de Medio Rural sinalou a primeira hora da tarde deste venres que "non hai perigo para núcleos de poboación"

O incendio de madrugada visto desde Saiar / Pontevedraviva

O incendio forestal iniciado no Monte Xiabre ás 19.25 horas da tarde deste xoves, que deixou unha madrugada e unha mañá complicadas en Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa, mantense aínda sen control, pero á primeira hora da tarde deste venres a Consellería do Medio Rural sinalaba que "evoluciona favorablemente" e "non hai perigo para núcleos de poboación".

As lapas, avivadas por un vento intenso, estendéronse con rapidez activándose a situación 2 de alerta pola proximidade con núcleos habitados, que continúa este venres.

Aínda que no seu inicio o incendio comezou en Saiar, Caldas, o lume foise estendendo cara a Vilagarcía e segundo as primeiras estimacións ofrecidas pola Consellería do Medio Rural, á primeira hora da mañá do venres xa tiña calcinado 350 hectáreas de superficie, cifra que no parte oficial de mediodía ascendeu a 450 hectáreas.

A situación foi especialmente tensa nas proximidades de núcleos habitados, que tiveron que ser desaloxados por precaución.

Asímismo solicitouse a axuda da Unidade Militar de Emerxencias, que durante a madrugada realizou un ataque directo ás chamas para protexer as vivendas próximas á PO-305 no Vento, nas cercanías de Vilagarcía.

Segundo informa a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), o incendio mantén cortados case 5 quilómetros da estrada PO-305 en ambos os dous sentidos.

Na extinción do incendio traballan 6 técnicos, 9 axentes forestais, 38 brigadas, 31 motobombas, 5 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 avións e 10 helicópteros, ademais da Unidade Militar de Emerxencias.