Un grave accidente de tráfico rexistrouse este domingo, 13 de outubro, na parroquia de Xesta, no concello pontevedrés da Lama.
O suceso ocorreu arredor das 16:00 horas na localidade de Pigarzos, cando dous vehículos colidiron frontalmente.
Segundo informou o 112 Galicia, o sistema eCall activouse automaticamente tras o impacto, alertando aos servizos de emerxencia.
Inmediatamente, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias mobilizou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao GES de Avión, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade Oitaven-Tea.
Debido á gravidade do accidente, foi necesario o despregamento do helicóptero medicalizado con base en Ourense para evacuar a un dos feridos, segundo o 112.
Outros dous ocupantes foron trasladados en ambulancia a un centro hospitalario, mentres que un cuarto ferido foi evacuado co apoio dos membros do GES.
As autoridades están a investigar as causas do sinistro.