Os servizos de emerxencias tiveron que evacuar na mañá deste mércores a cinco persoas a través dunha fiestra a raíz dun incendio declarado no coñecido como edificio Procoarsa de Vilagarcía.
O lume declarouse minutos despois das doce da mañá deste mércores neste edificio da avenida de Cambados de Vilagarcía. O Concello de Vilagarcía indicou que o incidente produciuse no cadro eléctrico do semisoto no que traballaba un operario que estaba instalando un sistema de pararraios
Os bombeiros de Vilagarcía procederon a desaloxar todo o edificio, de 12 plantas, para evitar a riscos asociados ao lume. Cinco persoas non puideron saír pola porta principal, de maneira que foi preciso que foran evacuadas a través da fiestra. Os bombeiros usaron unha escada para subir e rescatalos polas ventás dun primeiro, terceiro e cuarto piso.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais.
Diferentes particulares alertaron ao 112 informando dun cadro eléctrico ardendo e, en consecuencia, da presenza de fume nas escaleiras do edificio.
O 112 mobilizou aos Bombeiros de Vilagarcía de Arousa e do Morrazo, axentes da Policía Nacional e Local de Vilagarcía, o Servizo de Emerxencias de Vilagarcía e efectivos de Protección Civil.
Tamén se desprazaron profesionais do 061, aínda que ningunha ferida de gravidade nin intoxicada por inhalación de fume e ninguén tivo que ser trasladado a un centro sanitario.
Só foi necesario atender in situ ao operario que traballaba no cadro eléctrico e ás persoas desaloxadas pola fachada do edificio para comprobar que se atopaban en bo estado. O traballador optou por acudir polos seus propios medios á mutua para someterse a unha revisión.
Só unha vivenda sufriu danos de consideración debido ao fume: un dos pisos do primeiro andar. Este foi o único domicilio ó que non puideron regresar os inquilinos unha vez dado por concluído o operativo, ao redor das 15.15 horas.
A concelleira de Servizos Sociais, Tania García, desprazouse ata o edificio Procoarsa para interesarse polo estado dos veciños e ofrecer os recursos municipais a quen o necesitase. Finalmente non foi preciso realoxar a ninguén xa que os inquilinos da vivenda afectada resolveron a situación a través do seguro. Coa excepción destas persoas, todos os demais veciños estaban de volta nos seus pisos ás 15.30 horas.
Á unha e media do mediodía, o incendio estaba totalmente controlado. Malia todo, a normalidade aínda non quedará totalmente restablecida ata que se arranxe o cadro eléctrico e se poida reactivar o subministro de enerxía a todo o inmoble. A compañía de seguros da comunidade de propietarios e Fenosa traballaban para resolver a incidencia coa maior brevidade posible.