Evacuada unha menor ao Hospital Provincial por mor dun escape de gas

Pontevedra
05 de decembro 2017

A fuga de gas, segundo apunta o servizo de atención ás emerxencias 112 Galicia, puido deberse a un mal funcionamento da caldeira da súa vivenda

Servizo de Urxencias materno-infantís do Hospital Provincial
Servizo de Urxencias materno-infantís do Hospital Provincial / Mónica Patxot

Unha menor resultou este martes afectada por un escape de gas tendo que ser evacuada ao Hospital Provincial.

Os servizos de emerxencia trasladaron á moza ao centro hospitalario tras sufrir un desmaio como consecuencia do gas. Tamén se atopaba na vivenda a nai da menor, aínda que no seu caso non foi necesario o seu traslado para recibir atención médica.

Un particular alertou da situación ás 14:30 horas da tarde, polo que o servizo de atención ás emerxencias 112 Galicia trasladou o aviso aos Bombeiros de Pontevedra, que mediante as medicións correspondentes constataron a presenza de monóxido de carbono en diversas estancias da casa como a cociña, un cuarto e un baño.

O escape de gas, que tivo lugar nunha vivenda da rúa Luís Otero, puido deberse ao mal funcionamento da caldeira, segundo explicaron os efectivos de salvamento.

Ademais de bombeiros e persoal sanitario, o 112 informou da situación á Policía Local e ao servizo de avarías da compañía subministradora de gas.