A concelleira Eva Vilaverde, responsable da área municipal de seguridade cidadá, saíu ao paso de dous asuntos candentes na cidade de Pontevedra, o peche de dous establecementos históricos como son o Pub Patrimonio Copas e o Ximnasio Gimsport.
"Que me alegro moito de que todo isto dos peches de actividade que se están a levar na cidade estea tendo esta repercusión mediática", dixo a edil.
Estes dous peches teñen un elemento común, no caso do Gimsport pechará as súas portas o 31 de marzo, despois de 38 anos de percorrido, para cumprir unha orde do Concello de Pontevedra por mor dunhas obras sen autorización.
Por motivos de seguridade e en base á normativa vixente, o local non pode seguir realizando a actual actividade.
En canto ao Pub Patrimonio, un local de lecer nocturno con máis de 30 anos de traxectoria na rúa Charino, o Concello emitiu unha orde de cesamento de actividade amparado no Peprica, o plan especial que regula a conservación da zona monumental.
Tamén neste caso unha denuncia veciñal por ruídos derivou nunha inspección municipal que detectou que se fixeran reformas no local sen licenza.
"Creo que isto aclara bastante e deixa ás claras que en Pontevedra se cumple a legalidade e se cumpre no control de que as actividades que se producen neste concello se fagan en termos de seguridade", sinalou a concelleira.
"Quero que quede claro que este Concello pon por encima de todo a seguridade das persoas á hora de realizar actividades e á hora de controlar", insitiu a edil nacionalista.
Segundo recalcou Eva Vilaverde "se se pechan actividades neste concello ou se non se dan autorizacións é porque a normativa o impide".
Eva Vilaverde engadiu que "se non hai saídas de emerxencia, se non se cumpre coa normativa de incendios, se non hai extintores, os técnicos municipais informan e este Concello cumpre coa legalidade e coa garantía de seguridade. Que é o que está a pasar nestes casos".
De aí que insistira en deixar claro que "non hai ningunha outra intencionalidade mais ca esa".