Europa concede máis de 2,7 millóns de euros para a reforma da Santiña e instalación de sensores para mellorar o tráfico

Pontevedra
27 de abril 2023

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, afirmou que "é un gran día para Pontevedra" porque a reforma da Santiña permitirá completar a mellora do Camiño Portugués a Santiago na vía urbana e afondar na mellora do ambiente e na loita contra o cambio climático, a través destas axudas procedentes de fondos europeos destinados a zonas de baixas emisións

Asfaltado da Rúa Santiña
Asfaltado da Rúa Santiña / Concello de Pontevedra - Arquivo

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, mostrábase moi satisfeito coa notificación por parte do Goberno do Estado da concesión de 2.767.053 euros a Pontevedra por parte da Unión Europea dentro dos fondos destinados a Zonas de Baixas Emisións.

"É un gran día para Pontevedra", sinalou o rexedor ao anunciar este investimento porque entende que este diñeiro demostra que a fórmula do goberno local de aplicar tráfico restritivo é válida para reducir as emisións dos vehículos sen necesidade de "irlle ao peto dos veciños" sen obrigar a cambiar os coches nin pagar por entrar na cidade.

O diñeiro da subvención europea destínase á reforma da Santiña onde se investirán 1.606.500 euros desta subvención, preto do 90% do orzamento previsto que alcanza os 1.804.914 euros, mentres que o outro proxecto subvencionado consiste na instalación de sensores para controlar a mobilidade, parámetros de contaminación e fluxos de tráfico na cidade recibirá 1.160.000 euros destes fondos para unha iniciativa orzamentada en 1.560.300.

Fernández Lores mostrouse especialmente satisfeito porque o proxecto da Santiña permitirá finalizar a mellora do Camiño Portugués a Santiago en todo o ámbito urbano, polo que circulan máis de 100.000 turistas todos os anos.

Explicou que con este diñeiro poderase profundar na mellora do ambiente e na loita contra o cambio climático. Indicou tamén que este financiamento europeo permitirá "liberar parte do orzamento" para realizar outros investimentos en distintos proxectos.