'Eu son Gaiat@' acada 4.000 euros na campaña solidaria emprendida en Poio

Poio
26 de febreiro 2023

Os cartos serán destinados á ONG Mozambique Sur, co obxectivo de axudar aos preto de 150 menores que forman parte do orfanato Casa do Gaiato

Silvia Díaz e Raquel Morales con outros participantes da Xornada do Fondo Galego de Cooperación
Silvia Díaz e Raquel Morales con outros participantes da Xornada do Fondo Galego de Cooperación / Concello de Poio - Arquivo

O Concello de Poio logrou sumar 4.341 euros na campaña solidaria denominada 'Eu son Gaiat@', posta en marcha coa intención de axudar a preto de 150 menores que se atopan no orfanato Casa do Gaiato.

Este diñeiro destinarase á ONG Mozambique Sur. O proxecto solidario púxose en marcha despois que que Raquel Morales, directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio viaxara ao país africano durante un programa de colaboración realizado co Fondo Galego de Cooperación.

O sector educativo, asociativo e deportivo do municipio implicáronse na campaña desde que se puxo en marcha o 30 de xaneiro deste ano, dando un xiro á celebración do Día Escolar da Non violencia e da Paz, pasando dunha visión máis lúdica a un enfoque solidario, segundo recoñecen desde o goberno local.

Agora a responsable de Servizos Sociais, Rosa Fernández, será quen a través da súa concellería trasladará os donativos a Mozambique Sur. Este diñeiro recadado axudará a mellorar a calidade de vida de menores que perderon aos seus familiares debido a enfermidades ou a conflitos bélicos.