Para incentivar as visitas aos comercios e locais hostaleiros de Soutomaior de cara ao tempo de Nadal, o Concello promove unha campaña estruturada en tres accións: Eu quero local, Adobiar o local e O Nadal no peto.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Comercio, Hostalería e Promoción Económica, Rosana Comesaña, explican esta iniciativa nace coa intención de darlles visibilidade aos establecementos do municipio.
Neste sentido, o alcalde manifestaba que "xunto aos comerciantes e hostaleiros de Soutomaior queremos camiñar cara a unha economía local máis solidaria e respectuosa, que aposte por modelos máis sostibles e sensibles. Só así conseguiremos que o noso municipio creza".
Pola súa parte, a concelleira de Promoción Económica, Comercio e Hostalería convidou "a todos os comercios e establecementos de hostalería de Soutomaior a sumarse a esta campaña co fin de dar visibilidade e da posta en valor da inmensa riqueza humana e social coa que conta Soutomaior".
Os comerciantes poden elixir participar nas tres accións ou só en algunha delas. Para anotarse nesta campaña deben contactar co Concello de Soutomaior no teléfono 986 705 106 ou no correo electrónico [email protected]. O prazo límite de solicitude é ata o luns 20 de novembro.
EU QUERO LOCAL
Para esta acción o Concello de Soutomaior pon a disposición dos comercios e hostalería un equipo de persoas que elaborará spots publicitarios de duración moi curta de cada establecemento que queira participar. O seu impacto non vai a ser soamente local, pois unha vez editados daráselles visibilidade en redes sociais, medios locais, Web... Así mesmo, cada negocio recibirá a adhesivo coa marca para incorporalo á rede local de comercio e hostalería.
ADOBIAR O LOCAL
O obxectivo desta acción de Nadal é reforzar a rede local mediante o adorno exterior de comercios e locais que se sumará ás luces nas rúas. As florerías de Soutomaior serán as encargadas da súa elaboración e colocación na entrada de cada establecemento. Os motivos serán festivos e tradicionais. Todos os establecementos deben contar cunha alcaiata para poder colgalos.
O NADAL NO PETO
Esta iniciativa ten como fin incentivar o gasto no comercio e hostalería local. Dende o Concello se destinarán 1.500 euros repartidos en quince premios de 100 euros que se sortearán entre as persoas que realicen unha ou varias compras por valor mínimo de 20 euros nun establecemento comercial ou hostaleiro do municipio desde o 4 de decembro de 2023 ata o 6 de xaneiro de 2024, ambos incluídos.