"Eu non inaugurei este pobo nin aspirei a deixalo concluído, pero estou moi orgulloso do traballo feito"

Umia
19 de decembro 2024
Actualizado: 21:12

Juan Manuel Rey despediuse oficialmente dos seus veciños, dos funcionarios municipais e dos compañeiros de corporación, pondo o punto e final a 30 anos "máxicos" na política local

Juan Manuel Rey
Juan Manuel Rey / Concello de Caldas de Reis

O alcalde socialista de Caldas de Reis (Pontevedra), Juan Manuel Rey, despediuse este xoves visiblemente emocionado e agradecido despois de 18 anos no cargo, ou, como que el mesmo dixo, tras "10.787 días", á fronte do municipio.

Nunha rolda de prensa, Juan Manuel Rey despediuse oficialmente dos seus veciños, dos funcionarios municipais e dos compañeiros de corporación, poñendo o punto e final a 30 anos "máxicos" na política local.

Segundo manifestou "ser alcalde de Caldas foi unha licenza que me permitiu a vida".

"Eu non inaugurei este pobo nin aspirei a deixalo concluído, pero si estou moi orgulloso do traballo feito" dixo Juan Manuel Rey. A política axudono "a atopar un lugar na vida. Axúdome a atoparme".

Nesta comparecencia o alcalde aproveitou para repasar os obxectivos políticos alcanzados neste mandato, entre os que citou a cesión definitiva da Finca de Rabexe para desenvolver novos equipamentos municipais, o proxecto de urbanización do Campo da Torre ou a finalización do último obradoiro de emprego xa que a baixa taxa de paro do municipio fai que non sexa necesario outro máis.

Tamén aludiu á reforma da N-640 ao seu paso por Caldas, a ampliación do instituto Aqua Celenis e a parcelaria de Bemil, a ampliación dos polígonos industriais do Pousadoiro e Godos e o novo centro de saúde de Caldas cuxo convenio coa Xunta asinarase proximamente "isto foi o que realmente me motivou a tomar a decisión hoxe".

En canto aos datos económicos do Concello resumiunos en: "débeda cero, liquidez abundante, presión fiscal nula", destacando que precisamente hoxe se cumpren doce anos da última modificación dos impostos.

"O pobo está a vivir unha auténtica idade de ouro", resumiu Juan Manuel Rey. "Dáme unha satisfacción importante poder presentar esta folla de servizo", engadiu.

Neste balance recoñeceu como materias pendentes a reapertura das pozas de Caldas ou que o local do Mercantil non sexa unha instalación pública pero "os grandes obxectivos para este mandato están logrados ou moi encamiñados", dixo.

"Agora trátase de deseñar o futuro e para iso necesítanse novos liderados", apuntou Juan Manuel Rey.

O concelleiro Jacobo Pérez Gulín, número dous do Partido Socialista caldense, será o candidato para ocupar o cargo de alcalde. Juan Manuel Rey deulle un consello: "que sexa el mesmo, que traballe arreo, que haberá días moi bos e outros moi malos" e lembrou que "o servizo público é gratificante" recomendándolle que empregue "dúas ferramentas moi potentes: a educación e o sentido do humor" e inmediatamente engadiu "tamén un pouquiño de paciencia".

No pleno do próximo luns, día 23 de decembro, farase efectiva a renuncia de Rey.