"Eu decido", a campaña que reivindica as capacidades das persoas con parálise cerebral

Pontevedra
06 de outubro 2022

Con motivo do Día Mundial da Parálise Cerebral, que se celebra este 6 de outubro, Amencer xunto coa Federacion Autonómica ASPACE GALICIA e a Confederación nacional ASPACE poñen en marcha a campaña #YoDecidoa>

Acto de Amencer-Aspace con motivo do Día Mundial da Parálise Cerebral
Acto de Amencer-Aspace con motivo do Día Mundial da Parálise Cerebral / PontevedraViva

Con motivo do Día Mundial da Parálise Cerebral, que se celebra este 6 de outubro, Amencer xunto coa Federacion Autonómica ASPACE GALICIA e a Confederación nacional ASPACE poñen en marcha a campaña #YoDecido.

Baixo o lema "Eu decido", Amencer-Aspace pide que se respecten os desexos e preferencias das persoas con parálise cerebral para promover a súa vida independente. Neste sentido, a asociación reivindica que todas as persoas dependentes por causa da parálise cerebral poidan contar cun asistente persoal, figura que as administracións públicas aínda non recoñecen e que, neste momento, só pode ser contratada de modo privado.

Ante esta carencia, Amencer-Aspace xa traballa para incorporar a este profesional á carteira de servizos dos seus usuarios. O problema é que o custo é elevadísimo, por iso, ningún asociado de Pontevedra pode aínda contar con asistente persoal.

A campaña "Eu decido" foi presentada este xoves ao alumnado que cursa os ciclos de Dependencia e Integración Social no CIFP A Xunqueira. Ademais da proxección do vídeo, organizouse unha actividade participativa denominada role playing, na que tres alumnas do centro puideron vivir en primeira persoa a impotencia que se sente cando nunha acción tan habitual como vestirse hai unha segunda persoa que decide por ti.

"O que queremos facer con motivo do Día Mundial da Parálise Cerebral é concienciar á poboación de que calquera persoa con parálise cerebral ten moitas máis capacidades das que se cre e que, se unha persoa quere vestirse da maneira que queira, que teña a capacidade expresándose a través de comunicadores ou da voz, que poida conseguir facer o que realmente quere, reivindicar os seus dereitos", declaraba Rosa Fernández Cortizo, responsable de comunicación de Amencer-Aspace.

CONVIVIR COA PARÁLISE CEREBRAL

"Todas as persoas ao longo da nosa vida a medida que evolucionamos imos tomando decisións, e o 90% das persoas con parálise cerebral teñen, por dicilo dalgunha forma, capado ese dereito. Por iso o que reclamamos é que cada unha na medida das súas posibilidades poida tomar as súas decisións. Desde pequenas decisións como pode ser o que lle gusta comer ou ver na tele ata grandes decisións que loxicamente moitos de eles si poden tomar", explicaba David Villaverde, o director do Centro de Día de Campolongo e director de centros de Amencer.

Villaverde acompañaba a Julio Arosa, usuario de Amencer, para facer as funcións de intérprete e permitir que Julio manifestase, en nome dos seus compañeiros, o seu dereito para decidir. "Estou capacitado para tomar as miñas decisións", manifestaba Julio. No seu caso, si conta con asistente persoal, pero con sistema de copagamento. En caso de querer ir a un Centro de Día, cancelaríaselle este copagamento e a posibilidade de dispoñer dun asistente persoal no horario no que o centro estea pechado.

Viki González é tamén usuaria de Amencer e reclama que se respecten as decisións de todas as persoas con parálise cerebral. "Decidimos nós o que queremos", sinalaba. Lucindo o seu guecho de pelo cor fucsia, afirmaba que ela é unha excepción, xa que moitos dos seus compañeiros non teñen tanta liberdade para pedir unha tinguidura de pelo ou escoller que roupa queren poñerse.

Ao seu lado, Eloy Avendaño, o seu coidador, apoiaba esta reinvindicación, ademais da posibilidade de ter un asistente persoal, xa que as funcións de Eloy non son tan específicas. "Primeiro imos recollelos ás súas casas para traelos ao centro, onde se fan as actividades normais do día a día, computador, pasealos, aseámoslos no baño". O sentido de "eu decido" vai máis aló, apuntaba o coidador. "é importante a comunicación. Viki polo menos fala e pódeselle entender ben, pero hai compañeiros que é máis complicado e é importante que poidan decidir sobre os sistemas de comunicación que quere cada un".

Desde hai unha semana, Viki e Eloy están acompañados de Nerea Soliño, técnica en atención a persoas en situación de dependencia que se formou no CIFP A Xunqueira e que está a realizar as súas prácticas con Amencer-Aspace.

Estas prácticas son fundamentais para consolidar toda a aprendizaxe porque, como expresaba Manuel Pedrosa, coordinador de prácticas, no centro de FP pontevedrés hai especialidades que si poden poden simular as tarefas profesionais, como os ciclos de Automoción ou Madeira, pero, no caso de Dependencia, ao ser un traballo directamente coas persoas, precísase esta práctica nos lugares de traballo. Pedrosa tamén confirmaba que os ciclos de Dependencia e Infantil son os que teñen mellores perspectivas de inserción laboral.