Decembro. Esa é a data prevista para o regreso a Pontevedra da feira do gourmet galego Etiqueta Negra que, tras un ano de parón pola covid-19, volverá a xuntar no Recinto Feiral as mellores e máis innovadoras propostas gastronómicas de produtos 'delicatessen'.
A quinta edición desta feira celebrarase os días 10, 11 e 12 de decembro, segundo avanzaron este martes os seus organizadores.
Etiqueta Negra xa abriu os prazos para a reserva dos espazos que se porán a disposición dos produtores e distribuidores interesados en participar na feira, entre os que se primará a súa singularidade, a súa orixinalidade e a súa calidade fronte á cantidade.
"Queremos que a edición deste ano volva converterse nun éxito de asistencia, xere negocio para as empresas participantes e continúe a difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos", avanzou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.
Adaptada aos novos tempos, a feira abrirá as súas portas coas medidas necesarias para garantir a seguridade de tódolos expositores, profesionais e público visitante. Haberá un plan de seguridade específico, seguindo as normas establecidas polas autoridades sanitarias.