Etiqueta Negra, unha pasarela do gourmet galego que chegou a 4.500 persoas na fin de semana

Pontevedra
11 de novembro 2018

De cara á xornada deste luns, confirmaron a súa asistencia preto de 1.200 alumnos de centros de ensino de hostalería, restauración, dietética e nutrición e cociña de toda Galicia, desde Vigo a Santiago, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, O Grove, Pobra do Caramiñal, As Neves ou Soutomaior

Feira Etiqueta Negra 2018 na xornada do domingo
Feira Etiqueta Negra 2018 na xornada do domingo / Diego Torrado

A feira Etiqueta Negra viviu este domingo unha nova xornada de éxito e masiva asistencia de público no recinto feiral de Pontevedra. Ao igual que xa sucedeu o sábado, durante as dez horas ininterrumpidas nas que estivo aberta ao público, a cita dos produtos gourmet galegos encheu en todas as iniciativas que inclúe a programación. 

Segundo os datos facilitados pola organización, durante a fin de semana pasaron polo recinto feiral un total de 4.462 visitantes, sendo especialmente concurrida a xornada deste domingo, con máis de 2.500 persoas, cifra á que habería que sumar as visitas dos profesionais acreditados.

Este luns a feira encara unha nova fase, máis centrada nun público profesional e académico, podendo asegurar que as dúas xornadas pensadas para o público xeral cumpriron o seu obxectivo de converterse na gran pasarela do gourmet galego. 

De cara á xornada deste luns, confirmaron a súa asistencia preto de 1.200 alumnos de centros de ensino de hostalería, restauración, dietética e nutrición e cociña de toda Galicia, desde Vigo a Santiago, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, O Grove, Pobra do Caramiñal, As Neves ou Soutomaior. 

Á cita coa gastronomía galega acudirán mesmo estudantes de Viana do Castelo (Portugal) e non podía faltar o alumnado do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, que será o encargado de abrir ás 11.30 horas a programación de actividades do Anfiteatro Mahou cun showcooking con degustación para 100 persoas que leva por nome 'Produtos de sempre na nova pastelaría'.

Unha horas despois, o alumnado do obradoiro de emprego 'Hostalería do Salnés X' cociñará e servirá tres elaboracións a base de produtos do Salnés para 100 persoas e pola tarde, ás 18.30 horas, haberá un showcooking de Diego López, de La Molinera, co produto gourmet galego lalinense.

No Espazo Etiqueta estaran este luns o barista e tostador profesional Gonzalo Rodríguez (Club del Café), o blogger e community manager Alberto Ribas e Daniel Punzoni, profesor do CIFP Carlos Oroza, mosará diferentes

Este domingo o chef Pepe Solla foi o encargado de conducir no Anfiteatro Mahou a cata 'Este Cocido non é unha lata' e tamén fixeron as súas demostracións de bo facer entre fogóns o chef lucense Héctor López (Restaurante España); Rubén González, de El Cafetín de de la Alameda; Iñaki Bretal, chef e propietario do restaurante O Eirado da Leña; e Lucía Freitas, de La Tafona.