Un cento de expositores, máis de 150 distribuidores e máis de 300 reunións de traballo Estas son algunhas das cifras da actividade frenética que desde este sábado e ata o luns 12 de novembro empezou a sucederse no recinto feiral de Pontevedra. Este sábado lembrou os datos a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, con motivo da inauguración oficial da cita, a terceira edición de Etiqueta Negra.
A feira está a ser o epicentro do gourmet galego e, ademais, na xornada deste sábado, converteuse nun concurrido refuxio para pontevedreses e visitantes ante o tempo desapacible do exterior. O vento e a choiva transfórmanse en ambiente agradable e moito por ver e facer unha vez que se cruzan as portas do recinto feiral e foron miles os pontevedreses que, conscientes de tal circunstancia, acudiron de forma maioritaria.
A inauguración oficial tivo lugar na mañá deste sábado e serviu para destacar, en palabras de Gulías, que Etiqueta Negra xa é con tan só tres edicións "un evento importante neste sector" e para vaticinar que "vai ser un gran éxito". Esta visión deuna o presidente da Manconumidade do Salnés, Gonzalo Pita, que destacou que a feira "vai in crescendo e ten moito tirón".
O acto inaugural tamén contou coa participación da deputada provincial Eva Vilaverde, que aplaude esta feira porque "temos un produto gourmet que é espectacular e moitas veces non o coñecemos o suficiente ou non apostamos por el" e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou a aposta desta cita gastronómica "pola calidade e a excelencia dos produtos deste país".
O cento de expositores que participan desta edición ofrece produtos singulares que destacan pola súa singularidade e alta calidade e, ademais, os organizadores poñen a disposición do público un amplo e variado programa de actividades que inclúe showcookings, degustacións, maridaxes e catas para saborear a Galicia máis gourmet.
Este sábado os asistentes puideron gozar dun showcooking de Benigno Campos, o televisivo cociñeiro do programa Larpeiros; outro de Ketty Fresneda, finalista do programa MasterChef 6; dunha demostración do chef de Casa Solla, o recoñecido Pepe Solla; e das leccións de Rómulo Mendoza, un dos expoñentes da alta cocina mexicana, encargado de pechar a xornada coa demostración 'Sabores e cores de México'.
Este chef mexicano impartiu o taller 'Enchilando a Galicia. Enchiladas de mariscos para 24 persoas'. Ademais, a oferta formativa completárona un curso de iniciación sobre o aceite de oliva con degustación guiada impartido por David Rodríguez e as leccións do cociñeiro Alejandro Méndez Lázare, da Arrocería Os Cachivaches, que puxo en valor os queixos de Casa Zolle nas súas elaboracións con arroz.
A feira tamén acolleu o lanzamento en exclusiva das conservas gourmet El Abuelo Lelo, un proxecto que ten detrás a Iñaki Bretal, chef do Grupo Nove e propietario do restaurante O Eirado da Leña, e Manuel Otero, director de O Percebeiro, empresa especializada na distribución de mariscos e peixes de calidade con sede en Marín. E non faltou unha presentación para dar coñecer a asociación Produtores de Galicia.
Outra das citas destacadas deste sábado foi a cerimonia do té organizada na Tetería que ten instalada a Deputación Pontevedra, na que ten programadas para a fin de semana cinco sesións sobre o té galego. En cada sesión degustarase, ademais do té, un dos produtos producidos con té especificamente para esta ocasión. Este sábado foi a quenda do xeado de té con Bico de Xeado.
Este domingo, Etiqueta Negra permanecerá aberta, en horario ininterrompido, 11.00 a 21.00 horas. O luns o horario será ata as 20.00 horas.