Ante a incerteza que está a xerar a pandemia da covid-19, a feira Etiqueta Negra decidiu apostar de xeito excepcional por outro formato máis acaído ás actuais restricións. Así, segundo os seus organizadores, será unha versión "diferente e máis íntima".
Baixo o nome de "Etiqueta Negra Experiencias", o evento gastronómico celebrará diversas catas comentadas de produtos gourmet galegos entre os días 24 e 29 de novembro.
A edil de Promoción económica, Yoya Blanco, explica que a comercialización do espazo de contratación "ía a bo ritmo" e existía a previsión de completar os stands dispoñibles para esta quinta edición. Con todo, optaron por mudar o formato por seguridade.
"Nestes momentos prima a saúde por enriba de todo e agora mesmo non podemos nin aventurarnos nin arriscarnos a celebrar esta feira do gourmet galego nun panorama incerto, no que non sabemos que limitacións de aforo teriamos", engade Blanco.
Ademais, as instalacións do Recinto Feiral están nestes momentos ocupadas cos test rápidos do covid-auto que realiza alí o Servizo Galego de Saúde para non sobrecargar os hospitais.
Deste xeito, durante a última semana de novembro celebraranse diferentes catas dirixidas por persoas expertas, cun aforo reducido e nas que os protagonistas serán, como sempre en Etiqueta Negra, produtores e produtos galegos de calidade diferenciada que pasaron ao longo destes anos pola feira.
Entre outras cousas, avanzan os organizadores, haberá catas de viños, queixos, doces, cafés, conservas, cervexas, vermús, produtos precociñados, embutidos ou infusións.
A inscrición para estas catas será gratuíta e farase a través de etiquetanegragourmet.com. O lugar de celebración, as prazas dispoñibles e o programa das catas serán anunciados en breve. Ademais, tamén haberá a posibilidade de seguir estas actividades de forma virtual.