Etiqueta Negra convertirá Pontevedra esta fin de semana na capital do gourmet galego

Pontevedra
05 de novembro 2018

Chefs da categoría de Pepe Solla, Lucía Freitas, Iñaki Bretal, Héctor López, Rómulo Mendoza e Diego López realizarán receitas con produtos galegos. Máis dun cento de expositores participarán nesta terceira edición que se celebra no Recinto Feiral

Presentación de Etiqueta Negra 2018
Presentación de Etiqueta Negra 2018 / Mónica Patxot

Chefs de prestixio ou premiados coa estrela Michelín como Pepe Solla, Lucía Freitas, Iñaki Bretal, Héctor López, Rómulo Mendoza, Diego López ou Rubén González, coa presenza tamén do cociñeiro do programa Larpeiros, Benigno Campos, serán os grandes protagonistas entre o sábado 10 e o luns 12 de Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego.

Esta terceira edición desenvolverase no Recinto Feiral coa participación dun centenar de expositores que se caracterizan pola orixinalidade dos produtos que ofertan. Este luns a concelleira de Promoción Económica Anabel Gulías presentaba o evento na Casa da Luz; acompañada por Eva Vilaverde, deputada provincial; Gonzalo Pita, en representación da Mancomunidade do Salnés; Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza; Pepe Solla, chef estrela Michelín; Rubén González, do Cafetín da Alameda e Roxana Fernández, de Licores Berrimes.

Ao longo das xornadas van desenvolverse talleres de formación a cargo do CIFP Carlos Oroza, cuxos estudantes participarán tamén como azafatos e azafatas da feira. Tamén se realizarán ao redor de 300 sesións de traballo con máis de 160 distribuidores de alimentación e bebidas, 325 tendas gourmet de Galicia e de fóra da comunidade, e 200 restaurantes, hoteis, empresas de cátering e casas rurais.

A deputada Eva Vilaverde indicou que a Deputación Provincial participará a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro promovendo a difusión de produtos como o té e a camelia con catas e propostas alternativas para o seu consumo.

Gonzalo Pita, pola súa banda, sinalou a importancia de Etiqueta Negra no seu obxectivo de desestacionalizar os eventos relacionados coa gastronomía desvinculándoos do verán. O alumnado do Obradoiro de Emprego Hostalería do Salnés realizará un showcooking sobre cociñas desta comarca.

O chef Pepe Solla destacaba o concepto de calidade que caracteriza este espazo con produtos galegos e comentaba a importancia da presenza de público nas diferentes actividades que se desenvolverán nas instalacións.

Nas diversas casetas, os asistentes poderán atopar desde licores, viños, vermús, cafés, infusións a queixos, patés, carnes, angulas, lampreas, carafio, legumes e salsas, ademais de diversos tipos de pans e de empanadas. 

Etiqueta Negra manterá un horario ininterrompido durante os tres días. O sábado e o domingo desde as 11.00 ás 21.00 horas e o luns ata as 20.00 horas.