A oitava edición da feira Etiqueta Negra abriu as súas portas este sábado no Recinto Feiral de Pontevedra, consolidándose como un referente do sector gourmet en Galicia. Durante tres días, produtores, cociñeiros e amantes da gastronomía daranse cita para celebrar a riqueza e diversidade dos produtos galegos.
Durante a inauguración, a concelleira de Promoción Económica en Pontevedra, Anabel Gulías destacou o éxito de convocatoria e a gran afluencia de público desde primeira hora da mañá, o que demostra a consolidación deste evento.
"Etiqueta Negra é unha feira que nace coa razón e co corazón, coa razón de apostar polo gourmet galego e polo noso país, e co corazón de poñer os mellores desexos para impulsar esta feira", sinalou Gulías.
Despois tomou a palabra Pedro López, representante de Hijos de Rivera, quen afirmou que para Estrella Galicia esta é unha "data imprescindible no noso calendario. O evento pon en valor a calidade e a autenticidade do proxecto galego, defende uns valores moi en liña cos da nosa compañía, como é o impacto positivo e a promoción do produto de proximidade".
Así mesmo, López lembrou que durante estes días haberá diferentes actividades, formacións e catas dos diferentes produtos que ofrecen.
Esta feira está a ser un escaparate para produtos e produtores galegos, pero que comezou como unha "iniciativa arriscada no seu día, pero pioneira e innovadora que vai deixando marca e é un referente a nivel estatal", destacou Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza.
Neste sentido, afirmou que o centro se suma a esta feira "porque a cidade motívanos e queremos acompañar en todas as actividades que teñan que ver coa gastronomía e promoción na cidade" e sinalou que Etiqueta Negra xa forma parte do plan de estudos do Carlos Oroza.
De feito é que o evento non só é un lugar para degustar produtos, senón tamén para fomentar o encontro entre produtores e cociñeiros e pór en valor "os produtos da nosa terra".
Para David Castro, presidente da Mancomunidade O Salnés, Etiqueta Negra permite "promocionar os produtos que traballan os nosos veciños da terra e do mar para que poidan ter esa repercusión e proxección que axuda a fomentar e potenciar a economía e benestar de todos vos veciños e veciñas da provincia".
Concuerda con el o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte, quen engadiu que a feira serve "como punto de encontro para coñecer e dar a coñecer esas novas innovacións dous produtos e dos sabores que fan os nosos produtores".
No seu caso engadiu que "case un 50% dos expositores teñen o selo de artesanía alimentaria, o cal certifica a calidade do produto e do produtor" e subliñou que o distintivo que outorga a Xunta de Galicia coa certificación de artesanía serve de apoio "á calidade dos nosos produtores".
Pola súa banda, Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, sinalou que "en Galicia temos un potencial enorme e estamos facendo ben as cousas. Pasamos de ser un territorio onde cómese ben a ser un territorio gastronómico á altura de calquera outro do mundo".
Da mesma maneira que Castro e Alemparte, Regueira quixo pór en valor aos produtores, xa que "están a asentar poboación no rural, apostando polo territorio e traballando na sustentabilidade para que teñamos un futuro" ademais de agradecerlles "ese compromiso co medio rural e co territorio".
No caso de Javier Tourís, responsable da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, subliñou o potencial e a riqueza gastronómica que ten Galicia e os 61 concellos da provincia de Pontevedra. "Temos un paraíso gastronómico. Somos o primeiro produtor de mexillón de Europa e terceiro do mundo. Somos o terceiro produtor de conserva do mundo, somos punteiros en varios sectores, sobre todo na nosa gastronomía", indicou.
O encargado de pór o broche á inauguración desta oitava edición de Etiqueta Negra foi o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen recoñeceu estar "orgulloso" de que a feira se consolidase na cidade.
Botou a vista atrás, concretamente até o ano 2015, data na que comezou este proxecto que naceu "da confianza nas posibilidades e nas potencialidades que ten o sector primario en Galicia. Confiamos na nosa xente, nos nosos produtos e non futuro que nos vai a dar a todos dende o punto socioeconómico todo este sector primario que fainos estar á maxima altura", afirmou.
Para Lores, "Galicia, Pontevedra e as Rías Baixas son un destino turístico de altísima calidade. Temos que competir con moita calidade e motísima innovación" e subliñou que durante este tres días "van pasar como pasaron anos anteriores máis de 8.000 persoas que veñen a coñecer o gourmet galego. O que están a facer os nosos produtores é darlle valor engadido aos nosos produtos, que xa teñen calidade de por si, pero que teñen que competir nun mundo cada vez máis competitivo".
A feira do gourmet galego celebrarase até o luns 11 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra.