Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, converte o Recinto Feiral nun centro delicatessen

Pontevedra
08 de novembro 2019

Abre as súas portas con máis de cen produtores para saborear Galicia, con cociña en directo, presentacións de produtos, degustacións, exhibicións, catas comentadas, maridaxes e outras moitas actividades

Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego
Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego /

Pontevedra convértese un ano máis no epicentro do delicatessen galego coa celebración de Etiqueta Negra, que abre as súas portas este sábado ás 11.00 horas coa presenza dun total de 109 expositores que destacan pola singularidade e alta calidade dos seus produtos.

A feira contará ademais cun amplo programa de actividades, tales como cociña en directo, presentacións de produtos, degustacións, maridaxes e catas para saborear Galicia.

Ata o luns 12 público profesional e público gourmet daranse cita no Recinto Feiral co obxectivo de descubrir, degustar e difundir a excelencia dos nosos produtos galegos.

Haberá unha zona de catas e viñoteca, espazos destacados que ofrecerán unha intensa programación continuada. Xunto coa tetería da Deputación de Pontevedra que volverá para dar a coñecer o té galego, feito con camelias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A participación nestas actividades é gratuíta pero require inscrición previa en cada un dos espazos, xa que as prazas son limitadas.

COCIÑA EN DIRECTO

Lara del Río, unha das novas promesas da cociña galega cuxa formación desenvolveuse en Casa Solla e El Celler de Can Roca, abrirá o programa de actividades do sábado no Anfiteatro Estrella Galicia co showcooking máis doce do Atlántico que terá lugar ás 12.00 horas da man da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia.

A chef e copropietaria do restaurante Balieiros elaborará dous pratos salgados e dous doces nos que o elemento predominante será o ouro doce da natureza galega acompañado por produtos galegos con denominación de orixe.

De seguido, terá lugar a presentación de Amásame Bakery Lab, a cargo do mestre panadeiro Dani Pampín, quen falará ás 13.30 horas sobre o proceso de elaboración dos seus produtos e dará a degustar os seus pans que lle valeron o premio ao mellor panadeiro artesán de España en 2018.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas, a IXP Grelos de Galicia e o cociñeiro José Manuel Mallón amosarán o que se pode cociñar Cun feixe de grelos e, ás 18.30 horas, Pepe Solla (Casa Solla) abordará na súa sesión maxistral de cociña en directo titulada Pescado baixo a pel. Diferentes formas de tratar e cociñar o peixe, aproveitándoo todo, mesmo a pel.

Finalmente, Iñaki Bretal (Eirado da Leña) afrontará ás 20.00 horas unha particular misión: elaborar un menú Etiqueta Negra a partir dun produto escollido por el mesmo: as ostras, as perlas gourmet que saben a mar e a glamour.

TALLERES

No Espazo Etiqueta terán lugar dous talleres sobre cociña asiática (ás 11.30 e ás 18.00 horas) que contan co patrocinio de Supermercados Gadis.

No primeiro deles os asistentes aprenderán a elaborar gyozas, un exquisito bocado de orixe china semellante a unha exótica empanadilla que, tras estenderse á cociña xaponesa, agora son apreciadas en todo o mundo. No segundo, aprenderán a técnica xaponesa para a elaboración do arroz, a sazón e os cortes dos ingredientes para a preparación do futomaki, os rolos de sushi. Ademais dos ingredientes tradicionais, as gyozas e os futomakis poden elaborarse con produtos máis próximos e sinxelos de conseguir sen perder a súa esencia.

A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas

Esa é a proposta de Lili Wo, mestra de caligrafía china e xaponesa, profesora de chinés e docente de cursos de cociña asiática.

A participación nestes dous talleres ten un prezo de 12 euros e require inscrición e pago previos a través da páxina web etiquetanegragourmet.com. As prazas son limitadas.

Para aprender a entender a etiquetaxe dos alimentos, a comparar entre alimentos do mesmo grupo para poder elixir o mellor, a escoller libremente un produto segundo a súa composición nutricional e a facer unha compra saudable e consciente, a dietista-nutricionista Lidia Folgar impartirá ás 13.30 horas o curso Sei o que compro.

E o chef Gerson Iglesias realizará unha hora máis tarde un taller gastronómico sobre dieta atlántica no que elaborará un menú de dous pratos consistente en xarda mariñada e chimichurri de algas, e magret curado, ovo escalfado, castañas e queixo curado. Estas dúas actividades desenvolveranse grazas ao proxecto de colaboración transfronteiriza Internova Market Food.

A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas.

Para aquelas persoas que desexen pasar todo o día descubrindo sabores, exquisiteces e rarezas, haberá unha zona de comida e foodtrucks con interesantes propostas sobre rodas. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 8 euros.