Ética e bioética, en contraste coa relixión, analizánse na UNED Pontevedra

Pontevedra
22 de maio 2024

O curso universitario vai desenvolverse do 27 ao 29 de maio e a asistencia é presencial ou en liña, tanto en directo como en diferido. O curso está dirixido por Manuel Artime Omil, profesor-titor dos graos de Filosofía e Antopoloxía Social e Cultural da UNED Pontevedra e contará como relatora con Victoria Lojo

Victoria Lojo Vicente, membro do Comité de ética asistencial da Área Sanitaria de Vigo e do Consello de Bioética de Galicia
Victoria Lojo Vicente, membro do Comité de ética asistencial da Área Sanitaria de Vigo e do Consello de Bioética de Galicia

Do 27 ao 29 de maio, a UNED Pontevedra ofrece un curso sobre un tema polémico centrado na ética e a bioética.

A relatora será Victoria Lojo Vicente, integrante do Comité de ética asistencial da área sanitaria de Vigo e do Consello de Bioética de Galicia; profesora asociada no Grao de Enxeñería Biomédica da Universidade de Vigo e profesora-titora do grao de Antropoloxía no centro de Pontevedra.

O curso está dirixido por Manuel Artime Omil, profesor-titor do Centro Asociado á UNED de Pontevedra nos graos de Filosofía e Antopología Social e Cultural.

A duración será de 10 horas lectivas e o custo da matrícula é de 25 euros.

Durante as xornadas analizaranse os valores morais no ámbito social da vida cotiá, e tamén na actividade académica e laboral.

En relación coa bioética haberá unha introdución na relación clínica dos valores democráticos que fundamentan a vida civil. Estudaranse as repercusións derivadas das ciencias médicas na enfermidade, na vida e na morte das persoas.

Segundo os docentes deste curso debe evitarse a confusión entre a bioética e a relixión, expoñendo que a moral laica será a única que serve de base para esta disciplina.

O curso inclúese dentro do Departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, que coordina Rafael Cotelo Pazos.

As persoas participantes poderán seguir o curso presencialmente ou en liña, tanto en directo como en diferido, sen necesidade de acudir ao centro situado en Monte Porreiro.