A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou este mércores as obras de construción dunha nova senda na PO-308 entre Fontenla e Combarro, despois das críticas do Goberno local de Poio pola falta de seguridade nesta estrada.
Ethel Vázquez destacou o investimento de máis de 1,7 millóns de euros na mellora da mobilidade peonil e no reforzo da seguridade neste treito de vía de arredor de 2 km, unha actuación que será realidade no verán de 2024. Estas intervencións están financiadas cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través dos fondos europeos Next Generation.
A conselleira sinalou que a Xunta está a desenvolver "un ambicioso plan de mellora" nesta estrada, cun investimento global de 20 millóns de euros, "boa parte en Poio".
Os traballos na nova senda entre Fontenla e Combarro comezaron en xaneiro, coa execución do muro de pedra na zona do miradoiro e continuarán agora cos muros dos estribos da pasarela e co movemento de terras para o ensanche da plataforma.
Habilitarase un itinerario mixto, peonil e para ciclistas non deportivos, entre Fontenla e Combarro, na maior parte pola marxe esquerda da estrada, aínda que se executará un pequeno treito pola dereita, entre a glorieta e o acceso ao IES de Poio. Esta actuación completarase con obras de pavimentación e disposición de mobiliario urbano como bancos, luminarias, unha fonte ou 4 novas marquesiñas para o autobús.
Para atallar a accidentalidade neste treito melloraranse distintas interseccións, entre elas, a de acceso ao IES de Poio, e executaranse dúas glorietas, unha no acceso á zona da Seca. Tamén se reducirán os xiros á esquerda, disporanse carrís de aceleración e desaceleración para facilitar as incorporacións á estrada e ampliaranse os abanicos de xiro.
Ethel Vázquez avanzou que se completarán estas intervencións na PO-308 en Poio cun novo itinerario entre Combarro-Chancelas e Samieira, en cuxo proxecto se está traballando.