Ethel Vázquez e Lores discrepan sobre a necesidade de obter o consenso veciñal para a Variante de Alba

Pontevedra
02 de setembro 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, expresaban este mércores as súas discrepancias sobre o proxecto da Variante de Alba e a necesidade de obter o consenso veciñal

Miguel Anxo Fernández Lores e Ethel Vázquez, en Alba
Miguel Anxo Fernández Lores e Ethel Vázquez, en Alba / Mónica Patxot

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, expresaban este mércores as súas discrepancias sobre o proxecto da Variante de Alba e a necesidade de obter o consenso veciñal.

A preguntas dos xornalistas Ethel Vázquez explicou que os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas están a analizar a proposta remitida recentemente polo Concello de construción dunha vía con características urbanas. Unha rúa "apegada ao terreo" con dous carrís de circulación (un en cada sentido), con rotondas para acougar o tráfico, senda peonil e ciclista, pasos sobreelevados e iluminación. 

A conselleira lembrou que a última proposta do Concello "coincide co trazado xa sometido a información pública pola Xunta de Galicia e que tivo moito rexeitamento social" e mesmo houbo "algún informe municipal que poñía moitas problemáticas a ese trazado".

"As infraestruturas están para paliar solucións non para crear problemas", dixo Ethel Vázquez

"Eu sempre digo que as infraestruturas de tanto calado deben realizarse con consenso", asegurou Ethel Vázquez. "As infraestruturas están para paliar solucións non para crear problemas", sentenciou.

Fernández Lores replicou a esta declaración da conselleira afirmando que no novo proxecto que elaborou o concello recóllense as alegacións presentadas no seu día e "maioritariamente resólvense" todos os problemas expostos entón.

Así, defendeu que esta variante nun "proxecto necesario" que está pensado para "unir dúas parroquias: Lérez e Campañó" e permeabilizar o territorio entre as estradas de Santiago e Vilagarcía. 

Lores destacou que é unha vía funcional para a veciñanza e "con todas as garantías de acceso a todas as fincas". Na liña doutros viais feitos xa polo Concello de Pontevedra.

"Pero iso non é suficiente para impedir que se fagan obras que son absolutamente necesarias", dixo Lores

"Sinceramente eu espero que a Xunta de Galicia analice con cariño e con boa vontade este proxecto que se presenta" dixo o alcalde á conselleira. "Eu non coñezo ningún vial que non teña rexeitamento por parte de veciños", engadiu Lores que fixo referencia á estrada que se está executando en Montecelo e que tamén ten contestación veciñal "pero iso non é suficiente para impedir que se fagan obras que son absolutamente necesarias". 

O alcalde indicou con respecto a esa necesidade de consenso expresada pola conselleira que "se utilizamos ese criterio que sexa o mesmo criterio para todo". E concluíu dicindo que "negarse a facer unha vía integrada no territorio non é avanzar para a calidade de vida de todos veciños".

 

Arquivado en