A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, criticou que os concellos de Pontevedra e Poio, gobernados polo BNG, "no tienen ganas" de acometer o saneamento integral da ría.
Ethel Vázquez, xunto ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu este xoves ao encontro con candidatos populares ás próximas eleccións municipais celebrado na sede local do PP de Pontevedra.
A conselleira explicou que a Xunta aspira a elaborar un informe sobre o estado actual previo a definir as actuacións que correspondan a cada administración.
Neste sentido contrastou o caso do Concello de Marín, que foi o primeiro en asinar o protocolo de colaboración con Augas de Galicia, coa actitude dos municipios de Pontevedra e Poio que, segundo Ethel Vázquez, "no trasladan ni información ni voluntad de cooperación", polo que os acusou de que "no tienen ganas de sanear la ría", un problema que afecta principalmente aos sectores da pesca, o marisqueo e o turismo.
Dende os gobernos municipais de Pontevedra e Poio aseguraron que no próximo pleno de cada unha das corporacións locais está previsto que se aprobe o documento solicitado por Augas de Galicia.
TRANSPORTE METROPOLITANO
Por outra banda, a conselleira asegurou que o seu departamento "ya tiene presupuesto" para impulsar un plan de mobilidade metropolitano, que prevé a implantación do billete combinado para os usuarios de ferrocarril e autobús "pero primero el concello de Pontevedra debe implantar un transporte urbano", dixo.
Os cabezas de lista do PP ás alcaldías de Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Bueu, Caldas, Campo Lameiro, Marín, Portas, Valga, Fornelos, Cangas, Vilaboa e Soutomaior, analizaron propostas en materia de transporte metropolitano e saneamento.