Ethel Vázquez anuncia, sen fixar data, a posta en marcha do plan de saneamento da Ría de Pontevedra

Pontevedra
26 de febreiro 2015

A conselleira de Medio Ambiente pide para iso a colaboración "dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa" e apunta á oportunidade que se abre a través de "un novo período operativo de fondos europeos"

Ethel Vázquez preside a reunión de saneamento no Concello de Marín
Ethel Vázquez preside a reunión de saneamento no Concello de Marín / Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou este xoves en Marín que a Xunta poñerá en marcha o plan de saneamento local na Ría de Pontevedra.

Vázquez non fixou unha data concreta, pero si solicitou a colaboración "dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa" para elaborar un diagnóstico preciso do estado das redes de saneamento e unha planificación das melloras e infraestruturas necesarias para evitar verquidos á ría.

A responsable de Medio Ambiente aludiu á oportunidade que supón a apertura de "un novo período operativo de fondos europeos" para lograr o financiamento necesario.

A conselleira incidiu en que "non se trata só de executar infraestruturas hidráulicas, senón que se debe lograr a máxima eficiencia nos sistemas de saneamento e depuración" que permita lograr o coidado dun ecosistema importante para outros sectores como a produción pesqueira ou o turismo, sinalou nunha reunión de traballo celebrada no Concello de Marín.

Nesa reunión Ethel Vázquez repasou xunto á alcaldesa, María Ramallo, a situación das actuacións de saneamento postas en marcha no municipio e que contan cun presuposto dun millón de euros para 2015.

Trátase das actuacións nos tramos Pereiro-O Pozo e Pereiro-Cadrelo.

Arquivado en