Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar cunha proposta chea de nutrientes e bo sabor: estufado de fabas con filetes de xarda Pescamar.
A cabala ou xarda é un dos peixes azuis máis apreciados pola súa graxa, o alto valor enerxético e a súa achega en Omega 3.
Para preparar un delicioso Estufado de fabas con filetes de xarda Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:
- 2 latas de Filetes de Cabala do Sur en aceite de xirasol Pescamar
- 250 gr. de fabas
- 1 cebola
- 1 cenoria
- 2 dentes de allo
- 200 gr. de cabaza
- 1 folla de loureiro
- 1 culleradiña de pemento en po
- 1 cullerada sopeira rasa de fariña
- 1dl. de aceite de oliva virxe extra
- Sal
Elaboración:
Aclaramos en auga fría as fabas e, unha vez limpas, deixámolas a remollo durante toda unha noite.
Ao día seguinte, poñémolas nunha pota e vertemos auga fría ata cubrilas. Engadimos a cebola partida pola metade, a cenoria pelada, os dentes de allo pelados e enteiros, o loureiro e un chorro de aceite. Deixamos que coza todo a lume suave e lento, vixiando que estea sempre cuberto de auga e engadindo un pouco de auga fría cando sexa necesario. Cando estea no seu punto, retiramos do lume.
Sacamos a cebola, a cenoria e o loureiro e a continuación incorporamos ás fabas a cabaza en anacos e os Filetes de Cabala do Sur en aceite de xirasol Pescamar (só a xarda, sen o aceite). Removemos suavemente e tapamos.
A cebola e a cenoria pasámolas pola batedora e engadimos o puré resultante ás fabas.
Á parte, nunha tixola fritimos nun pouco de aceite a fariña. Retiramos do lume, engadimos unha culleradiña de pemento en po e agregamos un pouco de caldo de cocción. Vertemos sobre as fabas. Sazonamos e deixamos cocer 5 minutos máis a lume suave.
Antes de servir, é conveniente que o estufado repouse uns minutos na pota.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.