Estudos de España, Reino Unido, Xapón, Alemaña, Portugal, Noruega ou Dinamarca, interesados en Santa Clara

Pontevedra
26 de xaneiro 2023

Felices e "gratamente sorprendidos". A pesar de que os criterios eran "moi ambiciosos e esixentes", a rehabilitación do convento de Santa Clara, que se integrará no Museo de Pontevedra, espertou o interese de estudos de arquitectura de todo o mundo

Convento de Santa Clara
Convento de Santa Clara / Mónica Patxot

Felices e "gratamente sorprendidos". A pesar de que os criterios eran "moi ambiciosos e esixentes", a rehabilitación do convento de Santa Clara, que se integrará no Museo de Pontevedra, espertou o interese de estudos de arquitectura de todo o mundo.

Así o destacaron este xoves os máximos responsables da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e César Mosquera, que revelaron que 41 estudos profesionais, agrupados en ata 23 propostas, participarán no concurso convocado para reformar Santa Clara. 

Todos eles, segundo o vicepresidente provincial, contan no seu currículo con obras de "enorme calidade" e están liderados por grandes nomes da arquitectura mundial e por estudos emerxentes que, neste momento, "están na cresta da ola".

A maioría dos estudos presentados (33) son españois. Madrid (13) e A Coruña (6) son as dúas principais cidades das que proceden os aspirantes, xunto con Barcelona (3), Pamplona (3), Pontevedra (2) ou Santiago (2). Hai tamén propostas desde Sevilla ou Valladolid.

De fóra das nosas fronteiras chegaron porfolios desde Londres (Reino Unido), Braga (Portugal), Róterdan (Países Baixos), Berlín (Alemaña), Oslo (Noruega), Copenhage (Dinamarca) ou Tokio (Xapón). Ademais, un dos aspirantes afincados en Barcelona é italiano. 

"Estamos poñendo o Museo de Pontevedra no centro ds grandes actuacións museísticas a nivel nacional e internacional", destacou a presidenta da Deputación.

Entre os nomes propios que se presentaron a esta primeira fase do concurso para redactar o anteproxecto da obra, atópanse profesionais da talla dos británicos David Chipperfield e Amanda Levete, o xaponés Kengo Kuma, o italiano Fabrizio Barozzi, o neerlandés Kees Kaan, o colectivo danés BIG Architects ou o estudo noruegués Snøhetta.

Os españois Francisco Mangado, Jordi Garcés, César Portela, Luís Enguita e Paloma Lasso de la Vega ou Enrique Sobejano e Fuensanta Nieto, todos eles con emblemáticas e recoñecidas obras por todo o mundo, optan tamén a este ambicioso proxecto. 

CINCO SERÁN SELECCIONADAS

E como será a primeira criba? Os técnicos provinciais revisarán cada unha das propostas, moitas delas presentadas en forma de UTE, e comprobarán que cumpren os requisitos recollidos nas bases da convocatoria do concurso.

De todas elas escollerán cinco finalistas. Os nomes coñeceranse nun prazo aproximado de dúas semanas. A partir de aí, cada estudo terá tres meses para redactar o anteproxecto da reforma de Santa Clara e un xurado profesional elixirá á gañadora.

Se se cumpren as previsións da Deputación de Pontevedra, este proceso debería culminar antes do próximo verán. Os arquitectos seleccionados deberán elaborar o proxecto final e serán os responsables da dirección de obra durante todo o proceso.

Co calendario na man, se non se producen atrasos, o goberno provincial espera licitar esta rehabilitación, que supoñerá un investimento de 24 millóns de euros, a finais de 2023 e tela adxudicada á compañía construtora na primavera de 2024.

Ao estimarse que as obras durarán uns dous anos, Santa Clara podería estrear a súa nova imaxe a mediados de 2026. Iso si, Silva e Mosquera advirten que estas previsións son un "brinde ao sol" ao depender de permisos e trámites alleos á propia Deputación.

O que ambos os dirixentes deixaron claro é que a rehabilitación do antigo convento pontevedrés "será unha realidade si ou si", porque a institución provincial ten un "compromiso total" con esta actuación.

Confían en obter o respaldo económico da Xunta, o Estado e Europa porque "sería pouco explicable que non o houbera", sostivo Carmela Silva. Pero asegurou que, se non é así, asumiríao a Deputación con fondos propios "aínda que teñamos que facelo por fases".