Con motivo da conmemoración, este venres 8, do Día Internacional da Muller, a Facultade de Dirección e Xestión Pública acolleu nesta xornada a lectura dun manifesto, elaborado polo alumnado, no que se puña o foco na importancia de "seguir traballando na consecución da igualdade de xénero".
Nun acto no que participou profesorado e estudantado do centro, Ainhoa Cruz e María Ferrer foron as encargadas de dar lectura a un texto elaborado polo alumnado do primeiro curso do Grao en Dirección e Xestión Pública.
Nel puñan de relevo o necesario do 8M "para recordar a importancia de apoderar as mulleres en todas as contornas e ámbitos", para reflexionar "sobre os avances e logros acadados" e para reivindicar "todas as mulleres que loitaron" pola "equidade e igualdade de oportunidades".
O manifesto sinalaba tamén a "presenza diversa e consolidada de mulleres á fronte do servizo público", mais ao mesmo tempo subliñaba tamén a necesidade de afrontar "importantes retos", como a fenda de xénero ou o teito de cristal, co obxectivo de que, tanto no sector público como no privado as mulleres "teñan igualdade de oportunidades para ocupar funcións directivas".
Esta iniciativa súmase á serie de actos que nestes días promoven diferentes facultades e escolas con motivo do 8M, alén do propio acto institucional que a Universidade celebrará este xoves en Vigo. No caso do campus pontevedrés, a Facultade de Comunicación acollerá, este xoves ás 12.00 horas, a mesa redonda "Agora nós. O futuro da comunicación", organizada polas asociacións de estudantes Freshy e Santa Kata. Así mesmo, Belas Artes promoverá a través das redes sociais unha nova edición de 8 Mulleres para o 8M, no que oito docentes e egresadas presentan unha artista e a súa obra.