Estudantes universitarios de México completarán a súa formación gastronómica en Pontevedra

Pontevedra
25 de agosto 2017

Cociñeiros da talla de Ferrán Adriá, Martín Berasategui, Pedro Subijana ou os irmáns Roca recibiron nos seus restaurantes a alumnos en prácticas que cursaron os seus estudos na Universidad del Claustro de Sor Juana, un dos principais centros privados de Cidade de México. A partir de agora tomará o relevo un cociñeiro pontevedrés: Iñaki Bretal

Sinatura do convenio entre Iñaki Bretal e a Universidad El Claustro de Sor Juana
Sinatura do convenio entre Iñaki Bretal e a Universidad El Claustro de Sor Juana / PontevedraViva

Cociñeiros da talla de Ferrán Adriá, Martín Berasategui, Pedro Subijana ou os irmáns Roca recibiron nos seus restaurantes a alumnos en prácticas que cursaron os seus estudos na Universidad del Claustro de Sor Juana, un dos principais centros privados de Cidade de México. A partir de agora tomará o relevo un cociñeiro pontevedrés: Iñaki Bretal.

O chef galego, propietario do restaurante O Eirado da Leña, asinou un convenio con esta universidade mediante o cal estudantes da licenciatura de Artes Gastronómicas completarán a súa formación en Pontevedra, tendo a oportunidade de intercambiar coñecementos e experiencias entre a cociña galega e a mexicana.

Iñaki Bretal afirmou que este convenio permitirá abrir un vínculo entre México e Pontevedra desde o punto de vista gastronómico, xa que xunto co que lles ensinarán aos estudantes da cociña galega "nós tamén aprenderemos moito" da mexicana.

Aínda que defendeu o valor dos produtos galegos, o cociñeiro pontevedrés explicou que México "é un país moi grande" e conta con numerosos produtos "aos que nunca pecho os ollos", que poden chegar a "enriquecer moito" nosa gastronomía.

A alma de O Eirado da Leña entende que estes alumnos mexicanos "poderán aprender moito", xa que lembrou que a galega é unha cociña "moi pouco condimentada e baseada en produtos de calidade" que poderá achegar novos coñecementos aos estudantes, mozos que "se todo vai ben" poderían mesmo formarse en varios dos restaurantes do Grupo Nove.

A vicerreitora desta universidade mexicana, Guillermina Torres, asegurou que esta experiencia "dános moito gusto porque en España trátase ben aos estudantes, a diferenza das cociñas doutros lugares", xa que destacou que "hai máis calidez co persoal e realmente hai unha aprendizaxe para os nosos alumnos".

Ademais, a Universidad del Claustro de Sor Juana ofrecerá a posibilidade de que alumnos españois poidan vir formarse a México e coñezan de preto unha cociña que "ten moitas achegas, moitos produtos e moita variedade", sinalou a vicerreitora. Esta oferta será presentada ao Carlos Oroza, o centro de formación gastronómica de Pontevedra.

Esta vinculación, segundo Guillermina Torres, podería ser "enriquecida" nun futuro a outras titulacións do campus pontevedrés, xa que nesta universidade mexicana existen licenciaturas "moi afíns" ás de Pontevedra, ao haber estudos relacionados coa arte, as letras, a comunicación ou o tratamento dos dereitos humanos. 

Por parte do Concello, que colaborará na chegada destes estudantes mexicanos facilitándolles a estancia, o alcalde celebrou este primeiro convenio asinado co Claustro de Sor Juana. Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que este intercambio "será positivo para ambas as partes" e xa se mostrou disposto a acoller máis alumnos.

IÑAKI BRETAL ESTUDA ABRIR RESTAURANTE EN MÉXICO

Xunto con este convenio e a masterclass que impartirá na universidade, outro dos principais motivos polos que Iñaki Bretal decidiu integrar a misión comercial a México é que, segundo desvelou, estuda abrir un restaurante na Cidade de México. "Estamos agora con negociacións a ver se chegamos a un acordo", explicou.

Sería un establecemento de fusión "galaico mexicana", que ofrecería sabores de ambos os lados do Atlántico "enriquecendo a cociña das dúas partes". A idea é que os alumnos que fagan as súas prácticas en Pontevedra poidan chegar a traballar posteriormente neste restaurante para o cal Iñaki Bretal xa está a sondar o mercado inmobiliario.

Arquivado en