Máis de 300 escolares de dez centros educativos de Educación Primaria da provincia que participan no programa DepoEmprende na Escola presentaron no Pazo Provincial as doce cooperativas nas que traballarán ao longo deste curso para desenvolver os seus proxectos colaborativos e fomentar así o emprendemento.
Tras o paso do alumnado de Secundaria e de Centros de Educación Especial pola sede da Deputación, chegou a quenda dos rapaces de Primaria que pertencen a dez centros educativos de nove concellos da provincia.
Ademais de recoller os NIF para operar nas súas cooperativas tamén tiveron a oportunidade de facer unha visita ao Museo de Pontevedra.
Ao abeiro de DepoEmprende na Escola, os centros participantes desenvolverán diferentes tipos de proxectos e parte das ganancias que consigan as cooperativas coa venda dos seus produtos irán destinadas a diferentes ONGs ou asociacións, como protectoras de animais ou de servizos sociais.
En concreto, no acto celebrado no salón de plenos recolleron o NIF o CEIP Plurilingüe de Conmeniño do Grove, o CEIP Coirón de Dena de Meaño, o CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados, o CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia, o Colexio Estudio de Nigrán, o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán de Tomiño, o CEIP Plurlingüe de Tebra de Tomiño, o CEIP Plurlingüe Nº1 de Tui, o Colexio Andersen Augalonga de Vigo e o CEIP Plurilingüe de Carballedo de Cerdedo-Cotobade.
Esta recollida dos NIF chega despois do proceso de constitución das cooperativas, a etapa na que os alumnos crearon a imaxe corporativa dos seus proxectos, realizaron o estudo de mercado e tamén o prototipo de produto.
A partir de agora, os centros educativos completarán o proceso de posta en marcha dun proxecto emprendedor coa procura de financiamento, a produción e fabricación do produto, a selección do prezo, o etiquetado, a preparación da venda para o mercado final que celebrará a Deputación e, para pechar o proxecto, o balance dos resultados.
O obxectivo de DepoEmprende na Escola" é fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas en proxectos concretos, promovendo a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsando que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica.