Un total de 200 alumnos e alumnas de diversos centros escolares da cidade realizaron este mércores tarefas de limpeza en diversas zonas do río Gafos xunto ao persoal da Asociación Vaipolorío polo Día Mundial da Auga.
Os IES Sánchez Cantón, Valle Inclán, Martín Sarmiento, Torrente Ballester, Xunqueira I e Xunqueira II son os centros que forman parte desta iniciativa. O alumnado percorreu varios tramos do Gafos recollendo o lixo na contorna do río, á vez que recibían explicacións dos voluntarios de Vaipolorío sobre a riqueza biolóxica e etnográfica desta zona da cidade.
O estudantado valora positivamente este tipo de iniciativas, afirmando que "a nós dannos charlas e explícannos as cousas, pero cando vés aquí e ves todo o lixo entendes que hai que facer algo".
Finalmente reuníronse todos os centros nas proximidades da Praza Ponte Boleira para realizar a plantación de Carballos na zona. Á actividade asistiu Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que participou na plantación dos Carballos xunto a algúns dos estudantes.