Trinta escolares do IES Luís Seoane acudiron esta mañá a unha xornada de portas abertas organizada na Subdelegación do Goberno.
Unha iniciativa enmarcada dentro da Semana da Administración Aberta, dentro do terceiro Plan de Goberno Aberto de España, co obxectivo de achegar á sociedade o funcionamento das administracións. Lévase a cabo de maneira simultánea nos 75 países da Alianza para o Goberno Aberto.
A subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, recibiu aos estudantes. Despois, os responsables dos organismos integrados (Sanidade Exterior; Posto de Inspección Fronteiriza; Agricultura e Pesca; Traballo, Inmigración e Estranxeiría e Industria e Enerxía) explicáronlles as funcións de cada unha destas unidades.
Tamén estiveron presentes María Isabel Alonso, xefa provincial de Tráfico da DXT, e o xefe da Avogacía do Estado.