Analizar as demandas e necesidades da comunidade educativa do CEIP A Xunqueira I para logo deseñar un prototipo de intervención que contribúa á humanización do patio deste centro a partir de estratexias artístico-pedagóxicas.
Estas son as ideas centrais do proxecto que desenvolven preto de 80 alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, no marco dunha iniciativa coordinada pola profesora Cristina Varela.
O obxectivo é achegar ao alumnado ao traballo por proxectos nunha situación real, co propósito de que ideen unha serie de intervencións que deberán presentar como prototipo ou maqueta, nas que amosen como a través de “intervencións baseadas na linguaxe plástica e visual” é posible “modificar a relación do alumnado co espazo escolar”.
A iniciativa enmárcase na materia Didáctica das artes plásticas e visuais, do Grao en Educación Primaria, e vese complementada con conferencias como a que impartiu este xoves na facultade o arquitecto Tono Mejuto e a que ofrecerá nas próximas semanas a arquitecta e educadora Mar Penela.
A través destes relatorios e dos exemlos de intervencións e do achegamento ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica aprobado pola Xunta de Galicia que se lles ofrece no marco da materia, búscase amosar ao alumnado como os patios poden converterse tamén "nun espazo signifactivo dentro do centro, cun potencial pedagóxico", como lembra Varela
A partir de aí, o estudantado deberá “diagnosticar, deseñar e facer una proposta de intervención” para o patio do CEIP A Xunqueira I.
Con esa idea, as e os participantes neste proxecto visitaron nos últimos días este colexio, onde se reuniron co estudantado de 2º e 5º curso. A través da conversa cos escolares e docentes, buscábase que puidesen realizar esa “diagnose” das necesidades e demandas da comunidade educativa. tomando como punto de partida unha “folla de observación”, que lles leve a ter en consideración as diferentes dimensións, “como a espacial, a funcional ou a relacional”, que deberán ter en conta nos seus traballos.
Partindo desta análise, deberán desenvolver en grupos de cinco persoas unha proposta de intervención puntual que deberá partir desa diagnose global sobre a convivencia no patio, a súa sinalización, equipamento ou as actividades que nel se desenvolven, así como dos obxectivos e necesidades que identificasen.
De feito, o punto de partida deste proxecto foron os “problemas co uso do patio” detectada no propio centro educativo, como recoñece a súa directora, Susana Diéguez. “Penso que desta actividade poden saír cousas máis aproveitables, que nós poidamos recoller de cara ao curso que vén”, sinala Diéguez.