Estudantes de cinco institutos investigan sobre os retos da Pontevedra da próxima década

Pontevedra
14 de maio 2024

A contaminación da auga, a perda do rural, o emprego en Pontevedra e a saúde mental. Estes son os catro casos de estudo nos que nestas semanas afondan preto de 230 estudantes de ESO e bacharelato de cinco institutos da cidade

Sesión de traballo do proxecto PostGrowth S.A. Pontevedra co alumnado do IES Sánchez Cantón
Sesión de traballo do proxecto PostGrowth S.A. Pontevedra co alumnado do IES Sánchez Cantón / Universidade de Vigo

A contaminación da auga, a perda do rural, o emprego en Pontevedra e a saúde mental. Son catro dos casos de estudo nos que nestas semanas profundan preto de 230 estudantes de ESO e bacharelato de cinco institutos pontevedreses.

Coordinado polos investigadores Brais Suárez e Cristina Míguez no proxecto de divulgación PostGrowth S.A. Pontevedra, desenvolvido con financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), participan os institutos Luís Seoane, Valle-Inclán, Sánchez Cantón e Frei Martín Sarmiento, así como o CPR Los Sauces.

Trátase dun proxecto de ciencia cidadá, centrado nos "retos ecolóxicos e sociais que emerxen nas cidades do século XXI", sinalan os seus coordinadores, co obxectivo de facer partícipe o alumnado das diferentes fases dunha investigación, desde o seu deseño ata a presentación final.

Esta iniciativa tivo como punto de partida as propostas dos estudantes, que debía identificar aqueles "retos que consideraban importantes en dez anos para a cidade de Pontevedra".

Coa participación de once grupos de traballo, o proxecto desenvólvese ao longo de todo o curso con ata 467 retos propostos, dos que catro casos son levados a estudo.

En concreto a contaminación nas augas é a temática abordada polos tres grupos do IES Sánchez Cantón, mentres que a perda do rural é analizada por 49 estudantes de diferentes cursos do Luís Seoane.

O Valle-Inclán, que participa neste proxecto con cinco aulas, centra o seu traballo na saúde mental, mentres o emprego en Pontevedra é abordado tanto polo alumnado do Frei Martín Sarmiento como de Los Sauces. 

Os resultados finais serán presentados na ESEE-Degrowth 2024, a Conferencia Internacional de Decrecimento que este grupo de investigación da Universidade de Vigo organizará en Pontevedra entre o 18 e o 21 de xuño.