Este 21 de febreiro celébrase o Día Internacional do Guía de Turismo, considerada como unha profesión vital dentro deste sector tan importante para a economía.
Con tal ocasión, a Deputación de Pontevedra quixo destacar unha actividade impulsada pola Asociación Xoán XXIII, dedicada á formación e promoción integral das persoas con discapacidade intelectual. Trátase dun proxecto no que sete membros desta asociación formaranse como guías turísticos.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López e a deputada de Turismo, Nava Castro, recibiron este martes no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, a estes voluntarios que recibirán formación durante cinco semanas para conducir e mostrar aos visitantes o potencial cultural, histórico e patrimonial da cidade de Pontevedra.
Este martes participaron nunha visita dirixida pola Boa Vila da man da guía Tina Otero.
"É unha iniciativa pioneira", destacou Luis López, polo que felicitou á asociación e tamén aos participantes.
Está previsto que a primeira práctica que realicen estes novos guías sexa coas súas familias para que gañen en seguridade, aínda que Luis López cre que ese primeiro "exame" vai ser "o máis difícil".
Luis López felicitou polo seu traballo a todo o conxunto de guías profesionais que difunden a riqueza de toda a provincia. "Destinos paradisíacos que imaxinabamos noutro lado, estamos a nos dar conta de que os temos á beira de casa, e que todo o mundo que vir coñecelos", dixo.
O titular do executivo da Deputación de Pontevedra insistiu nas fortalezas, o crecemento e o potencial da provincia como un destino turístico referente en calidade e sustentabilidade.
Luis López puxo en valor o esforzo dos profesionais para contribuír ao crecemento do destino turístico Rías Baixas e o compromiso do sector para seguir crecendo de maneira controlada e sostible.
"Imos seguir traballando con ese plan estratéxico de turismo que vai marcar os avances cara onde temos que ir. O ano 2024 vai ser aínda máis exitoso, porque no 2023 aínda non tocamos teito", manifestou Luis López, quen recalcou que a sustentabilidade e o respecto polo medio natural do territorio son principios inquebrantables.