O Concello de Bueu presentaba este luns a programación do 25N, o día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
Terá como acto central a lectura da declaración institucional por parte do alumnado do CEIP Plurilingüe A Pedra ovindeiro 25 de novembro ás 12:00 horas na Praza do Concello.
Tras este acto está prevista unha concentración en repulsa das violencias machistas.
A programación, organizada pola concellaría de igualdade, céntrase na sensibilización nos centros educativos a través de diferentes iniciativas.
Entre elas destacan os obradoiros sobre prevención da violencia de xénero que se están a desenvolver en primaria e secundaria, así como o obradoiro 'Violencia de xénero e o novo contexto dixital' de Pantallas Amigas, dirixido ao alumnado dende 1º da ESO ata 2º de bacharelato e ciclos formativos.
O alumnado de 4º da ESO participa ademais nun libro foro sobre a obra "Yo no te cuido" de María José Lozano, que aborda as consecuencias da violencia machista.
No eido formativo, o 22 de novembro ás 08:15 horas a directora do CIM de Bueu ofrecerá unha charla-coloquio co persoal sanitario do Centro de Saúde sobre a atención integral a mulleres vítimas de violencia.
A programación complétase o 29 de novembro ás 21:00 horas coa proxección gratuíta no Centro Social do Mar do filme 'Dalva', de Emmanuelle Nicot, organizada polo Cineclub Bueu.
En paralelo, o Concello continúa traballando na elaboración do seu I Plan de Igualdade do persoal municipal.