Estudantes de bacharelato de Pontevedra competirán por crear o formigón máis resistente

Pontevedra
04 de abril 2025

O Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra impulsa un concurso para fomentar vocacións nun sector que xerará 20.000 empregos nas próximas décadas

Kit para participar no Gran Concurso do Formigón
Kit para participar no Gran Concurso do Formigón / Colegio Oficial de la Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo)

Un desafío técnico e creativo está a mobilizar aos estudantes de primeiro de bacharelato en Pontevedra. O Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo) puxo en marcha "O Gran Concurso do Formigón", unha iniciativa que reta a mocidade a conseguir a mestura de formigón máis resistente posible utilizando materiais básicos de construción.

A competición, dirixida a clases da rama científico-técnica de centros públicos da provincia, busca espertar o interese pola arquitectura técnica, unha profesión que, segundo os organizadores, "é de pleno emprego e necesaria para seguir mellorando o parque de vivendas".

"A cidade de Pontevedra, Galicia e toda España precisan de máis arquitectos/as técnicos/as e necesitamos crear canteira", explica Manuel Rañó, presidente do Coatpo, quen destaca que este sector "vai xerar 20.000 empregos en todo o país nas próximas décadas".

Para participar no concurso, o Coatpo proporcionou aos centros educativos un kit con cemento, area e grava que os estudantes deberán mesturar con auga buscando a dosificación perfecta. Ademais, facilitóuselles un vídeo onde profesionais colexiados comparten os seus trucos para conseguir o mellor formigón.

As probetas coas mesturas serán recollidas entre o 28 e 30 de abril e posteriormente sometidas a ensaios de compresión no laboratorio de Enmacosa en Mos.

Os resultados daranse a coñecer entre o 12 e o 18 de maio, cando se anunciarán os centros e clases coas mellores propostas.

A clase gañadora será premiada cunha visita a Pontevedra en xuño, onde poderán coñecer a exposición do 20 aniversario da rehabilitación da sede do Coatpo e gozar dunha visita guiada polo Centro histórico. Ademais, cada estudante recibirá unha lanterna, un flexómetro e unha bolsa corporativa.

O centro educativo gañador representará á provincia na edición nacional de "O Gran Concurso do Formigón".

Esta iniciativa, que se desenvolve simultaneamente noutras provincias españolas, forma parte dun obxectivo coordinado dos Colexios Oficiais da Arquitectura Técnica para atraer talento novo a unha profesión que cualifican de "apaixonante" e con boas perspectivas laborais.