Estudan suspender a tirada de fogos artificiais do inicio das Festas da Peregrina

Pontevedra
11 de agosto 2016

Nas vindeiras horas o goberno local de Pontevedra estará pendente das previsións metereolóxicas. Se persiste o vento forte do nordés adoptaríase a decisión de pospoñer a tirada prevista para a medianoite do sábado  

Fogos artificais do sábado de inicio das Festas da Peregrina 2015
Fogos artificais do sábado de inicio das Festas da Peregrina 2015 / Diego Torrado

A alcaldesa en funcións de Pontevedra, Carme da Silva, alertou de que o goberno local está a estudar a posibilidade de suspender a tirada dos fogos artificiais previstos para a medianoite do sábado 13 coincidindo co inicio da semana grande das Festas da Peregrina.

A decisión adoptarase atendendo as previsións metereológicas. Carme da Silva sinalou que se persiste o vento forte do nordeste das últimas horas estudaríase a suspensión xa que, a pesar das medidas de seguridade que se acometen para evitar incidencias na zona das Corbaceiras, quérese evitar que se orixinen problemas ante a posibilidade de que os fogos artificiais poidan desencadear incendios ao ser desprazados por fortes refachos de vento. A concelleira do equipo de goberno apuntou que esta tirada de lumes inicial das festas é seguida por miles de persoas que se achegan á contorna do río Lérez.

No caso de que se suspenda, contemplaríase a posibilidade de aprazar o lanzamento dos lumes a outra xornada ou de reforzar os previstos para o peche das festas da Peregrina.

NOVAS CRÍTICAS Á XUNTA DE GALICIA

A alcaldesa accidental volveu criticar a falta de coordinación e de información por parte da Xunta de Galicia en relación cos incendios rexistrados no municipio de Pontevedra. Da Silva sinalou que nas últimas horas, tan só o 112 informou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de que un piorno estaba a arder en Ponte Sampaio cando os servizos de emerxencias municipais levaban catro horas actuando nesa zona para evitar que o lume afectase as vivendas.

Carme dá Silva destacou o traballo que están a realizar desde o Parque municipal de Bombeiros coa incorporación de efectivos para que, en todo momento, se atope un retén activo e outro pendente para unha posible intervención.