Estudan incluír catro rúas máis na reforma urbana de Loureiro Crespo

Pontevedra
20 de novembro 2018

Os técnicos estudarán sumar a este proxecto actuacións en catro rúas do barrio. Trátase, de maneira prioritaria, de Ernesto Caballero. A ela súmanse Casimiro Gómez, Ángel Amor Ruibal e Forcarei "en función do orzamento que se teña", sinalou Demetrio Gómez

Rúa Loureiro Crespo, Pontevedra
Rúa Loureiro Crespo, Pontevedra / Mónica Patxot

A reforma urbana de Loureiro Crespo podería ir máis aló do previsto. Así o acordaron membros do goberno municipal coas asociacións de veciños da Parda e a Eiriña, coas que mantiveron un encontro para presentarlles este proxecto e recoller as súas suxestións.

Segundo trasladou o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, os colectivos veciñais acolleron con satisfacción esta reforma urbana, pero pediron que entre as melloras que se lle pedirán á empresa adxudicataria se incorpore a rehabilitación de máis rúas.

Así, os técnicos estudarán sumar a este proxecto actuacións en catro rúas do barrio. Trátase, de maneira prioritaria, de Ernesto Caballero. A ela súmanse Casimiro Gómez, Ángel Amor Ruibal e Forcarei "en función do orzamento que se teña", sinalou.

O edil do BNG sinalou que o goberno municipal coincide con estas propostas, aínda que avanza que será "complexo" actuar nalgunhas zonas como Ángel Amor Ruibal, ao entender que alí sería necesario un investimento "potente" que non poderá ser incluída como mellora na licitación de Loureiro Crespo.

Ademais, os veciños interesáronse especialmente en que haxa un "coidado especial" á hora de executar as obras e propuxeron que o formigón que se instale sexa dunha cor máis escura, para que o seu óptimo estado de conservación dure máis tempo.

Demetrio Gómez engadiu que tamén preguntaron onde se colocará o novo mobiliario urbano, entre elas as papeleiras ou os bancos que se poñerán nos diferentes espazos públicos da rúa.

Este encontro repetirase en próximas datas cos comerciantes do barrio e, posteriormente, celebrarase unha asemblea veciñal aberta para que calquera persoa interesada poida coñecer os detalles do proxecto e realizar algunha suxestión.

OBRAS DE MANTEMENTO

O responsable de Obras tamén avanzou que dentro do plan de obras de mantemento que se están realizando na cidade as próximas rúas nas que se repararán as deficiencias existentes serán Benito Corbal, Michelena, Joaquín Costa, Cobián Areal, Alcalde Hevia, Augusto González Besada, a praza de San José, Galera, Rúa da Violiña e Monte Porreiro.