Estudan as ferramentas que serán musealizadas no Estaleiro da Banda do Río

Bueu
23 de marzo 2022

Durante estes días están a acometerse as obras da segunda fase e representantes municipais visitaron este mércores a obra onde se está a recuperar o foso da serra da cinta. Segundo o Concello, esta rehabilitación supón a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional. Agárdase que as obras finalicen antes do verán

Obras de rehabilitación do Estaleiro da Banda do Río
Obras de rehabilitación do Estaleiro da Banda do Río / Concello de Bueu

O Estaleiro da Banda do Río atópase na segunda fase de rehabilitación desde este mes de marzo e o goberno local informa de que os traballos se desenvolven a bo ritmo. Este mércores, o concelleiro de Cultura, Xosé Leal; o concelleiro de Patrimonio, Alberto Moital; e o arquitecto técnico e director das obras, Alfredo de la Campa, visitaban a contorna.

Os traballos contan cun orzamento de máis de 102.000 euros, que se financian a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. A execución da obra corre a cargo da empresa Construcciones e Ingeniería Messi.

Esta actuación inclúe a urbanización exterior do popularmente coñecido como Estaleiro de Purro. Ademais, trasladáronse xa embarcacións, ferramentas, pezas e maquinaria ao Museo Massó. Un restaurador revisa a recuperación do foso da serra da cinta, un acordo establecido entre o Concello e a Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos.

Tamén se están analizando os recursos deste espazo que pasarán a formar parte da exposición ao público e os contidos audiovisuais. Os traballos de musealización serán o complemento ás tarefas de rehabilitación que finalizaran en 2018.

O Concello de Bueu lembra o "alto valor patrimonial" desta instalación. Félix Juncal, alcalde do municipio, considera que a parte máis importante é a relacionada á interpretación dos contidos desta antiga carpintería de ribeira.

Segundo os prazos que manexa o goberno local, espérase que a intervención finalice antes do verán. Esta instalación, a última carpintería de ribeira en activo, supón un vínculo entre a poboación de Bueu e o seu pasado relacionado coas embarcacións mariñeiras.