Estudan as afeccións posibles no acceso ao parque empresarial de Fragamoreira

Poio
20 de marzo 2025

O Concello de Poio, Xestur e a Deputación de Pontevedra mantiveron un encontro para analizar a principal vía de acceso ao polígono, que se sitúa na estrada provincial EP-0603, entre O Muíño e Campañó

Reunión para estudar o acceso ao parque empresarial de Fragamoreira
Reunión para estudar o acceso ao parque empresarial de Fragamoreira / Concello de Poio

O futuro parque empresarial de Fragamoreira, situado no Concello de Poio, deu un novo paso no seu desenvolvemento tras unha reunión de traballo celebrada recentemente no Pazo Provincial entre representantes do goberno local, Xestur e a Deputación de Pontevedra.

O encontro, que contou coa presenza do alcalde Ángel Moldes e da deputada provincial de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, centrouse en analizar as posibles afeccións que este novo polígono podería ter sobre a estrada provincial EP-0603, que une O Muíño e a parroquia pontevedresa de Campañó.

Esta será unha das principais vías de acceso á zona industrial.

"É fundamental comezar a coordinarse desde agora entre todas as administracións implicadas para garantir que a estrada estea en perfectas condicións para soportar un tráfico máis denso e pesado", sinalou o alcalde Moldes durante a xuntanza.

O parque empresarial, promovido pola Xunta de Galicia a través de Xestur (Xestión do Solo de Galicia), contará cunha superficie de 386.513 metros cadrados.

A súa posta en marcha pretende dar resposta á elevada demanda de solo industrial existente na comarca pontevedresa, segundo indican desde o goberno local.

A localización estratéxica deste polígono, indican desde o Concello de Poio, próximo á cidade de Pontevedra e con boas comunicacións co porto de Marín, a autoestrada AP-9, Vilagarcía de arousa e a comarca do Salnés, convérteo nun espazo especialmente atractivo para o asentamento de empresas.

Isto fai que sexa un proxecto clave non só para o municipio de Poio, senón para toda a contorna.

As tres administracións implicadas subliñaron a importancia deste proxecto para o desenvolvemento económico da zona e comprometéronse a seguir traballando de xeito coordinado para axilizar a súa posta en marcha.