Estudan abrir un censo para ceder vivendas vacías en Pontevedra a refuxiados

Pontevedra
17 de setembro 2015

O goberno municipal entende que sería unha mellor solución que o acollemento por parte de familias pontevedresas, porque os expertos "desaconsellan" esta opción polo choque cultural que se produce, polo necesario apoio psicolóxico aos refuxiados e porque "non é un acollemento temporal", senón a longo prazo

Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social no Concello de Pontevedra
Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social no Concello de Pontevedra

O drama dos refuxiados chegará este martes ao Pleno da corporación municipal de Pontevedra. Os cinco partidos -BNG, Partido Popular, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos-, teñen preparadas mocións para mostrar o seu apoio aos desprazados, pero ata o último momento tratarán de acordar un texto conxunto que inclúa o compromiso para colaborar co acollemento destas persoas.

Segundo avanzou Carmen Fouces, o BNG entende que o consenso debería xirar en torno ao manifesto que se leu nos últimos días en toda Galicia. Nel, en liñas xerais denúncianse as causas polas que estas persoas están a emigrar do seu país, e ínstase á Unión Europea para que aplique unha política común para dar asilo aos refuxiados e que se respecten os dereitos humanos destas persoas.

Ademais, en canto ás competencias da Xunta de Galicia, pídenlle que deseñe un plan integral para toda Galicia para atender as necesidades dos refuxiados que cheguen á nosa comunidade, en colaboración coa FEGAMP e o Fondo Galego de Cooperación que, lembrou Fouces, "é a ferramenta da que os municipios nos dotamos para axudar en emerxencias humanitarias" e que debe coordinar todo este operativo "e nos digan o que queren de nós".

Neste sentido, a edil nacionalista aposta por abrir un censo para que aquelas persoas que dispoñan de vivendas baleiras póidanas poñer a disposición dos refuxiados, un aspecto que esperan poder acordar co resto de partidos.

Entende que sería unha mellor solución que o acollemento por parte de familias pontevedresas, porque os expertos "desaconsellan" esta opción polo choque cultural que se produce, polo necesario apoio psicolóxico aos refuxiados e porque "non é un acollemento temporal", senón a longo prazo.

Arquivado en