A creación de sinerxías coa sociedade pontevedresa é un dos obxectivos que busca o Concello de Pontevedra para sacarlle o máximo rendemento a Santa Clara. Así, ao mesmo tempo que continúan as visitas guiadas ao convento, estanse a trazar diferentes alianzas.
Un destes acordos é o que se está a estudar coa Escola de Conservación e Restauración. A intención é asinar un convenio para que o alumnado realice prácticas con obxectos e co mobiliario que quedou no convento tras a saída das clarisas.
Algúns dos elementos que poderían ser usados nas prácticas dos estudantes inclúen os baúis cos que as monxas chegaban ao seu novo fogar, ademais de diverso mobiliario como estantes, mesas ou cadeiras que hai nas diferentes estancias.
Logo do proceso de restauración, os elementos volverían ser depositados no antigo convento.
Para iso, unha delegación da escola visitou esta semana o interior de Santa Clara en compañía do concelleiro de Patrimonio, Xaquín Moreda, para revisar os elementos que puidesen ser obxecto de tratamento nas actividades que realizan nas súas clases prácticas.
Serían, en todo caso, obxectos de uso cotiá, sen relevancia artística, máis orientados a tratamentos de diferentes tipos de madeira ou metal.
NOVAS VISITAS GUIADAS
Ao mesmo tempo, o convento volveu a abrir as súas portas esta fin de semana para unha nova quenda de visitas guiadas que, como as citas anteriores, esgotaron todas as prazas dispoñibles.
O interese dos cidadáns por coñecer o interior deste espazo histórico encheu todas as convocatorias que saíron ata o de agora, polo que o Concello xa valora a posibilidade de manter este programa de visitas guiadas durante os próximos meses.