A Asociación de Veciños e Veciñas Estriceres quere denunciar publicamente as "graves molestias que está a soportar a veciñanza de Lourizán" derivadas das obras que se están levando a cabo na EDAR dos Praceres.
Segundo explican a través dunha nota de prensa, "o ruído é continuo e intenso desde as 8 da mañá ata as 8 da tarde e chega a varios quilómetros de distancia". Aínda que afirman que son conscientes de que están a incumprir a lei sobre contaminación acústica, "impera a lei do embude e dependendo de quen incumpra a lexislación mírase ou non para outro lado".
É por iso que, tendo en conta que é a administración a que promove a obra e é a que ten que velar polo cumprimento da normativa, a Asociación Estriceres manifesta que "a empresa ten patente de corso para facer todo o ruído que queira".
Doutra banda, tamén queren expresar o seu "profundo malestar polo paso continuo de camións de grandes dimensións polo medio do núcleo dos Praceres, especialmente cando coincide coa entrada e saída do alumnado do Colexio dos Praceres". A asociación explica que normalmente a esas horas "xa se producía certo caos" pola entrada e saída ao mar das mariscadoras, polo que o Concello optou por habilitar as canchas de baloncesto como aparcamento "axudando a aliviar o problema aínda que non solucionándoo, a cambio de deixar aos veciños sen pistas deportivas. Agora - engaden- o problema é que eses camións usan ese aparcamento para entrar e saír da depuradora, montándose nos bordos e esnaquizando rúas".
Así mesmo, subliñan que "este caos é perfectamente evitable. A Xunta é responsable da obra e opta por meter estes camións por Praceres", xerando un "sufrimento nos veciños e veciñas de Lourizán que non lles importa. O Concello non sente parte da solución, mentres os camións esnaquizan o núcleo urbano e prodúcese diariamente un caos circulatorio", explican.
Por último, lembran que hai meses Costas mandou sacar unhas cruces de madeira que puxeran os veciños a modo reivindicativo, porque danaban a parcela, polo que desde Estriceres quéixanse de que permita este uso que claramente a está a danar e ademais prexudica moito á veciñanza.