O Concello activou unha campaña intensiva para a restauración urbana e ambiental dos barrios da cidade. Actuarase de xeito integral neles, desde o pavimento, o mobiliario urbano, os parques infantís, as zonas verdes ou os alcorques, para que estean en perfecto estado.
As primeiras actuacións xa se están a realizar no barrio de Estribela, en concreto na Praza da Praia de Estribela, a antiga Marqués de Valterra.
Os traballos en Estribela comezaron cunha limpeza integral no interior da praza, así como na Avenida de Marín, no treito máis próximo a todo este espazo.
Nos pavimentos resolverase os empozados da Avenida de Marín, substituiranse lousas en mal estado ou rotas e adecuaranse os alcoques das árbores para que faciliten os tránsitos peonís.
Ademais, está previsto o destoconado dos alcorques das palmeiras situados na praza, onde tamén se retirarán os bancos de pedra para substituílos por bancos de madeira.
Tamén se retirará outro mobiliario urbano obsoleto e farase unha poda das árbores de todo o ámbito para que permita gozar deste espazo, especialmente do parque infantil da praza.
Esta intervención levará algunhas semanas e, a continuación, os operarios seguirán por varias rúas da Parda e a contorna do centro de saúde, pola Praza das Regas ou polo ámbito das Corbaceiras, especialmente en rúas como Ouro, Ponte Nova ou Domingo de Andrade.