'Aquí está Carme' preséntase como un documental en que as protagonistas son trinta mulleres do rural, veciñas de Moraña, Mondariz e Silleda. Elas participaron en talleres de creación escénica organizados a través da Deputación de Pontevedra dentro da campaña "Acciona o rural"e froito daquel traballo saíu esta traballo audiovisual.
A estrea realizábase no salón de plenos da Deputación de Pontevedra e neste traballo móstrase o papel que realizan as mulleres do rural na conservación do patrimonio cultural inmaterial, na loita pola igualdade e na construción da comunidade.
O grupo musical De Vacas tamén ofrecía unha actuación en vivo dentro da gala interpretando temas como 'Unha noite máis' e 'Noite e día'. Máis de duascentas persoas acudiron ao evento no que Carmela Silva, presidenta provincial, felicitaba ás promotoras do colectivo Fiore di Zucca por poñer en marcha esta iniciativa.
A presidenta destacou a importancia de facer visibles a todas as mulleres con independencia do seu lugar de residencia e tamén sinalou que desde a administración provincial búscase o acceso universal á cultura.
As veciñas que formaron parte deste proxecto recibiron unha planta de camelia da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e un USB con imaxes das actividades culturais nas que participaron.
Esta estrea constitúe a fase final dun proxecto que se iniciaba con tres talleres de creación escénica, que tivo continuidade cunha mostra e que agora conclúe coa estrea deste documental, dirixido por Anxos Fazáns, no que se recollen as experiencias das mulleres participantes.