O Concello de Poio lanza a primeira edición de TapeaPoio, un certame gastronómico que busca promover a hostalería local e atraer visitantes fóra da tempada alta. Esta iniciativa, que se celebra desde este xoves 3 ao 13 de outubro.
Once bares e restaurantes de diferentes zonas de Poio participan con tapas cun custo único de 4 euros.
Os clientes terán a posibilidade de avaliar as tapas mediante un código QR exclusivo de cada local.
Establécense os seguintes premios no certame:
- Premios para hostaleiros:
Primeiro premio: 1.500 euros
Segundo premio: 900 euros
Terceiro premio: 500 euros Estes premios, aportados pola empresa Froiz, serán canxeables no "Cash & Carry Froiz".
- Premios para clientes:
Sortearanse entre os votantes menús degustación en Pepe Vieira e Casa Solla, cestas de Froiz, estuches gourmet de Conservas Pescamar, pasaxes en cruceiros e estancias en hoteis locais.
Inclúen desde pratos tradicionais como o "Potaxe de garavanzos" ata creacións innovadoras como o "Croquetón de Xamón Ibérico e Polbo sobre base de Puré de Triguero e Crocante de Pataca".
O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, destacan que TapeaPoio permitirá dar a coñecer a calidade da hostalería local, dinamizar a economía e consolidar Poio como referencia gastronómica nas Rías Baixas.
Ademais do Concello de Poio, colaboran a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e empresas locais como Froiz, Pescamar, Mar de Ons e Pelegrín.
Os organizadores agradecen especialmente o apoio dos chefs Pepe Solla e Xosé Cannas, responsables de que Poio sexa o concello con máis estrelas Michelin de Galicia desde hai máis de 15 anos.
Para máis información sobre o certame e os establecementos participantes, pódese consultar a web tapeapoio.gal.
CONCURSO FOTOGRÁFICO DA FESTA DA AMEIXA
O Concello de Poio e a Asociación de Mulleres Arela convocan unha nova edición do concurso de fotografía da Festa da Ameixa, que se celebrará do 18 ao 20 de outubro en Campelo.
Os participantes poderán presentar as súas obras ata o martes 15 de outubro, cun máximo de dúas fotografías por persoa.
A temática xirará arredor da Festa da Ameixa, as labores tradicionais do mar e as súas xentes, así como a sostibilidade do sector pesqueiro.
As bases do concurso establecen que:
- As fotografías poden ser en cor ou branco e negro.
- Non se admitirán imaxes manipuladas dixitalmente.
- Os traballos deben enviarse ao correo [email protected].
- Xunto coa fotografía, deberase incluír un documento cos datos persoais do autor e unha declaración xurada de autoría.
O xurado, composto por representantes da Concellería de Cultura, a Asociación Arela e a empresa Gaia Animación, valorará a creatividade, a forza da mensaxe gráfica e a sintonía co espírito da festa.
Os premios, que suman un total de 600 euros en vales para material fotográfico, van dos 100 do terceiro premio aos 300 euros dos primeiro.